O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón en Dodro
Xerardo Quintiá, con ‘Fornelos&Fornelos, Segunda Fundación’, resultou gañador desta edición
Xerardo Quintiá Pérez
Foto: Facebook
Infogauda / Dodro (A Coruña)
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á entrega do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que na súa XXVIII edición recaeu en Xerardo Quintiá Pérez (Friol, 1970), pola súa obra ‘Fornelos&Fornelos, Segunda Fundación’.
Cada ano, o Concello de Dodro convoca este galardón como unha forma de honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega.
Nesta ocasión o xurado concedeu por unanimidade o premio a Xerardo Quintiá, de quen destacou o seu “estilo sobrio e limpo” e o “ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada”. Tamén destaca que a súa obra representa “un esforzo analítico dun universo en explosión: as paisaxes, as aldeas, a lingua… unha vivencia da infancia que remite á sociedade que non existe”. Asemade, o xurado pon o acento na ‘alta calidade’ dos poemarios presentados e láiase ao non poder premiar outros orixinais con ‘calidade abondo para merecer o premio’.
Canda o premio en metálico –dotado con 2.300 euros-, o autor verá publicada a súa obra dentro da colección de poesía ‘Eusebio Lorenzo Baleirón’, da Editorial Sotelo Blanco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario