11 de dec. de 2014

GALICIA

FEAFES Galicia accede á carteira de Benestar para financiar os seus Centros Ocupacionais


Trátase da primeira vez que as asociacións de FEAFES Galicia dispoñen de financiamento proveniente da Consellería de Traballo e Benestar dentro do sistema de dependencia. 

Catro entidades federadas recibirán un total de 226.000€ anuais destinados ás 33 prazas contratadas das que dispoñen nos seus Centros Ocupacionais.

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Durante estes días, catro asociacións de FEAFES Galicia asinarán coa Administración os contratos para a xestión de servizos públicos para a ocupación de prazas nos Centros Ocupacionais de atención diúrna. Trátase da primeira vez que as entidades de saúde mental galegas acceden á carteira da Consellería de Traballo e Benestar dentro do sistema de dependencia, reivindicación histórica de FEAFES Galicia que paulatinamente ve recoñecidos os dereitos do colectivo e a necesidade de contar cuns servizos específicos e axeitados para as persoas con enfermidade mental.


 As asociacións que se beneficiarán deste financiamento serán Lenda (Redondela) que dispón de 9 prazas contratadas no seu Centro Ocupacional, Fonte da Virxe (Santiago de Compostela) que conta con 8 prazas contratadas, Afaes Portanova (Narón) que dispón de 8 prazas contratadas e A Creba (Noia) que conta con 8 prazas. 

 O importe total que recibirán estas asociacións por parte de Benestar ascende a 226.000 euros anuais, cantidade que irá destinada ó financiamento destas 33 prazas distribuídas por distintos lugares de Galicia.  

 Unha reivindicación histórica 

 Baixo o prexuízo de que a enfermidade mental é un problema médico e tras a consecución dos dereitos sanitarios coa Lei Xeral de Sanidade de 1986, ó colectivo de persoas con enfermidade mental negáronselle os seus dereitos sociais durante moitos anos. En consecuencia, as persoas con enfermidade mental quedaron fora das políticas sociais ata agora, que por primeira vez o colectivo apareceu na carteira de servizos da Consellería de Traballo e Benestar. 

 Os máis de 20 anos de retraso que isto xerou con respecto ós demais colectivos de discapacidade, impediu implementar políticas integrais de atención a estas persoas e provocou unha enorme discriminación no apoio económico á saúde mental con respecto a outras discapacidades. FEAFES Galicia insiste na necesidade de superar o modelo biomédico de atención á saúde mental para pasar a unha abordaxe integral da enfermidade.  

 Os Centros Ocupacionais 

 Os Centros Ocupacionais son dispositivos de atención diúrna a media estancia para persoas dependentes con enfermidade mental que, residindo nos seus propios fogares, precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, psicosocial e ocupacional, orientadas principalmente á preparación e integración laboral e á promoción da autonomía persoal dos usuarios.  

 Nestes centros lévanse a cabo unha serie de actividades ou tarefas que son realizadas polos usuarios de acordo ás súas condicións individuais e que están encamiñadas á realización de produtos ou servizos, sempre baixo a orientación de profesionais.  


 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 4.700 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario