29 de abr. de 2014

EMPREGO

Os traballadores formalizaron os seus contratos neste mes de abril e prestarán servizo durante seis meses

A DEPUTACIÓN FINANCIA CON MAÍS DE 271.000 EUROS A CONTRATACIÓN DE 65 OPERARIOS PARA OS CONCELLOS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO
·     A iniciativa vai orientada a desempregados maiores de 30 anos
Un total de 65 traballadores incorpóranse nestes días aos concellos das comarcas do Baixo Miño ao abeiro do Plan de Emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que permitirá a contratación duns 800 traballadores desempregados en toda a provincia, cun investimento global que supera os 3 millóns de euros.
No caso dos concellos que integran a comarca do Baixo Miño, a Administración Provincial acordou a concesión de subvencións por un importe total de 271.822 euros destinados.
Os concellos de A Guarda, Tomiño e Tui, recibirán 62.728,20 euros, cada un e disporán no marco deste plan de emprego de 15 operarios municipais, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia de hoxe. Pola súa banda, os concellos de O Rosal e Oia, contarán con 10 operarios e recibirán un orzamento de 41.818,80 euros cada un.
Desempregados sen prestación
Os novos traballadores –que terán a categoría de peón, operario ou axudante– irán destinados a realizar labores prioritarias nos concellos entre os que se inclúen labores de recuperación e adecuación de viais, parques, xardíns e outros espazos públicos, así como de edificios e de servizos; ou execución de pequenas obras de reparación.
Con este Plan de Emprego, a Deputación Provincial responde, un ano máis, a dúas necesidades básicas na provincia: por unha banda, dar unha oportunidade laboral e facilitarlle o acceso a un salario aos desempregados que estean nunha situación máis difícil, polo que á hora de contratar os concellos terán que dar prioridade a aquelas persoas maiores de 30 anos que carezan de prestacións ou unicamente perciban axudas sociais, como a RISGA; e, por outra banda, dotar os concellos de persoal que lle permita desenvolver labores básicas no municipio para as que, a miúdo, carecen dos medios necesarios.
Os contratos serán a tempo parcial, cunha duración de 25 horas semanais, e por un período de 6 meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario