O BNG considera fundamental a unión do pobo da Guarda para loitar contra a desaparición do Ferry
O ferry Santa Rita de Cássia nunha imaxe de arquivo
Foto: Infogauda
“O mantemento desta infraestrutura debe estar por riba da irresponsabilidade do Goberno español, do PP e do Alcalde da Guarda”
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego ve con preocupación as noticias que están a aparecer nos medios de comunicación sobre a situación do servizo do transbordador A Guarda – Caminha.
O BNG considera necesario que todos os colectivos, formacións políticas e particulares se unan para esixir ante o Goberno central do PP o mantemento do servizo do ferry.
Para o BNG é impresentábel a falta de interese do Goberno español do PP nesta infraestrutura, que pode acabar por desaparecer.
O BNG denuncia a actitude escurantista do Alcalde da Guarda, cando non informa aos representantes políticos que se teñen que enterar pola prensa.
O BNG leva anos presentando iniciativas tanto no Concello como no Parlamento galego e español na busca dunha solución definitiva que sexa compatíbel coa riqueza ambiental e coa actividade agropecuaria que se desenvolve no río.
“Dende o BNG sempre mantivemos como obxectivo prioritario atopar unha solución final, considerando que hai que abordar o río como unha cuestión integral coas diferentes actividades que nel se realizan. Non so hai que tratar o dragado, hai que examinar a conveniencia e posibilidade de utilizar un novo tipo de embarcación que sexa menos agresiva co medio e máis barata no seu mantemento”, sinala o portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba.
O PP e o PSOE os grandes responsábeis da desaparición do Ferry
O BNG acusa ao PP e a ministra de fomento, Ana Pastor, de actuar con hipocrisía. Cando estaban na oposición paseábanse pola Guarda denunciando o estado do ferry. Hoxe, 2 anos do PP no Goberno español, non fixeron absolutamente nada. Todo isto co silencio cómplice do PP da Guarda.
No ano 2010, o PSOE votou en contra dunha moción presentada polo BNG nun acto de covardía política para non enfrontarse ao Goberno de Zapatero que deixou o problema sen resolver.
O BNG esixe ao Alcalde da Guarda, X.M. Freitas, que abandone o vitimismo ao que nos ten acostumado, que asuma a parte de responsabilidade, que dea explicacións cara a cara cos colectivos e formacións políticas que no seu día lle deron a súa confianza e non detrás de artigos de prensa.
O BNG vai apoiar calquera tipo de acción de carácter unitario para esixir ao Goberno central unha solución definitiva para o mantemento do ferry A Guarda – Caminha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario