Os colectivos que queiran acollerse aos programas
Pensa en Ti e Ti tamén contas poderán facelo ata o 20 de xullo
A DEPUTACIÓN OFERTA 211 ACTIVIDADES FORMATIVAS DIRIXIDAS A ASOCIACIÓNS DE
MAIORES E MULLERES
·
Máis de 26.000 persoas participaron nos últimos tres anos
nestes programas
·
O orzamento destinado ao financiamento das actividades
ascende a 513.000 euros
A Deputación Provincial de Pontevedra porá á disposición
das asociacións e colectivos de mulleres e persoas maiores un catálogo de 211
cursos e actividades formativas, co obxectivo de contribuír ao labor
dinamización social e asociativa que desenvolven as entidades e colectivos da
provincia.
Os cursos ofertaranse a través dos programas Pensa en ti, destinado a asociacións de
mulleres ou con vogalía da muller, e Ti
tamén contas, para entidades de maiores ou con vogalía do maior.
Dotado cun orzamento de 383.400 euros Pensa en ti oferta 134 cursos nas áreas
de manualidades, arte e bricolaxe; cociña, agricultura e elaboracións
artesanais; desenvolvemento persoal e saúde física e mental; cultura
tradicional, música e baile; igualdade e desenvolvemento profesional.
Inclúense varias novidades na área de novas tecnoloxías,
como cursos de photoshop e retoque fotográfico; informática práctica ou redes
sociais; de idiomas, coa incorporación de clases de ruso, italiano e galego
(que se suman ás que xa tiñamos de inglés, francés, portugués e alemán); tamén
en actividades artísticas, con cursos avanzados de pintura e debuxo artístico e
de fotografía; ou en artesanía, cunha actividade nova de talla de cristal,
entre outros moitos cursos que este ano se ofertan por primeira vez.
No pasado ano participaron neste programa un total de 354
asociacións, con máis de 5.300 beneficiarios. Trátase dun programa que nos
últimos anos foi incrementando progresivamente tanto o nivel de participación
coma os cursos ofertados, de forma que se en 2010 se ofertaron 130 cursos coa
participación de 325 asociacións de mulleres e máis de 6.500 beneficiarias, en 2011 o número de cursos
ascendeu a 133, con 350 asociacións e máis de 7.000 usuarias.
Ti tamén contas
Pola súa banda, o programa Ti tamén contas oferta este ano un total de 77 os cursos nas
modalidades de desenvolvemento persoal e saúde, arte e manualidades, Cultura,
informática, información e discapacidade.
O programa ten unha dotación económica de 129.600 euros
en el poderán participar todas as asociacións de maiores ou con vogalía do
maior que o desexen.
Tanto neste caso como no de Pensa en ti as asociacións teñen ata o 20 de xullo para sumarse a
estas iniciativas, que nos últimos tres anos beneficiaron a máis de 26.000
persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario