NACE A RUTA LITORAL RÍAS BAIXAS
PONTEVEDRA NO MARCO DO PROXECTO PROAMARE CO OBXECTIVO DE FOMENTAR A
PROMOCIÓN TURÍSTICA E CULTURAL
• A ruta está dividida en tres tramos: Catoira-Pontevedra,
Pontevedra-Morrazo-Vigo, e Vigo-A Guarda-Tui
A potenciación do turismo
marítimo na rexión Galicia-Norte de Portugal
é o principal obxectivo do proxecto PROAMARE como así estableceuse
durante o Foro PROAMARE: A rede vital do
mar, celebrado na tarde de hoxe no Museo do Mar de Galicia en Vigo.
No acto, o que asistiu o presidente
da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto a directora do CETMAR, Paloma Rueda, e o Presidente do Consello de
Administración da Fundación Gil Eannes,
José María Costa; se trataron diferentes formas de abordar estratexias
turístico-económicas coas que se estimule a utilización e o disfrute dos
espazos transfronteirizos como destinos turísticos de calidade.
O proxecto Proamare conta cun
orzamento de 862.000 euros, dos que o 75% proceden dos Fondos Feder e o 25% das
entidades colaboradoras.
Ata o de agora, case 40 entidades
sociais e institucionais se adheriron para poder colaborar, aportar ideas e
impulsar e fomentar actividades vencelladas aos fins do proxecto.
Neste senso, o Presidente da
Deputación destacou a creación da Ruta
Litoral Rías Baixas Pontevedra, “unha ruta por terra que discorre pola
costa sur da Ría de Arousa, da ría de Pontevedra e pola de Vigo. Trátase dunha
ruta a medida na que o turista poderá visitar pobos e lugares nos que o mar
constitúe a súa principal fonte de paisaxe e riqueza, e que poderá visitar en
torno ás súas preferencias, tempo e dirección que máis lle conveña”.
Tres tramos de ruta
Catoira-Pontevedra: Parte de Catoira onde o turista e
visitante pode admirar as Torres de Oeste. Continúa cara a Carril e Vilagarcía
de Arousa dende onde se parte cara Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, ou Cambados
para visitar Fefináns e o barrio mariñeiro de Santo Tomé do Mar. Tómase
dirección ao Grove onde se pode visitar o complexo Intermareal Umia-O Grove a
Illa da Toxa ou o Aquariumgalicia. Seguindo pola costa, pasando pola praia da
Lanzada, Portonovo e Sanxenxo. No mesmo marxe da ría de Pontevedra chégase a
Combarro, considerado conxunto de Interese Artístico, e ó Mosteiro de Poio para
rematar este tramo de ruta en Pontevedra.
Pontevedra-Morrazo-Vigo: Tómase rumbo cara Marín onde se atopa a
Escola Naval seguindo dirección Bueu, vila pesqueira onde se localiza o Museo
Massó. De aí a Cangas onde admirar as Illa de Ons e a de Onceta. Seguindo a
costa chégase á vila mariñeira de Moaña e continuando a ruta por Vilaboa
chégase a Arcade onde se pode visitar o Castelo de Soutomaior. Continúase a
ruta pasando por Redondela e chégase a Vigo onde se pode visitar o Museo do Mar
de Galicia, as illas Cíes ou as de Ons.
Vigo-A Guarda-Tui: Seguindo a costa pásase por numerosas
praias ata chegar á vila mariñeira de Baiona, antigamente chamada Erizana,
primeiro lugar que tivo coñecemento do descubrimento de América coa arribada ó
seu porto da carabela "A Pinta". Continúase a ruta cara Oia onde se
atopa o Mosteiro de Santa María de Oia. Avanzando na ruta, chégase ó municipio
da Guarda onde se atopa o castro romanizado máis importante de Galicia, o monte
Santa Trega. Xa no centro da Guarda pódese visitar a vila e o museo do mar. O
final deste tramo sitúase no municipio de Tui onde se pode visitar a súa
Catedral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario