26 de xan. de 2013

PONTEVEDRA


A institución provincial aproba as bases que rexerán os criterios de inclusión dun total de 120 nenos

OS INTERESADOS EN SOLICITAR PRAZA PARA O CURSO 2013-2014 DO CENTRO DE DÍA PRÍNCIPE FELIPE DA DEPUTACIÓN PODERÁN FACELO ATA O 27 DE MARZO TRALA PUBLICACIÓN DO ANUNCIO NO BOP

 A Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases para o período 2013-2014  do Centro de Día da Cidade Infantil Príncipe Felipe que presta unha atención diaria, básica e integral a menores da provincia de Pontevedra. A través deste servizo a Deputación posibilita que as familias poidan conciliar a vida laboral, social e familiar.  Este centro está dirixido a menores de entre 4 meses e 16 anos procedentes de familias que precisen un apoio diario e puntual para atender ós seus fillos.

O número de prazas a cubrir é de 120 das cales se reservarán 10 prazas para nenos de 4 a 18 meses; 20 prazas para nenos de 18 meses a 3 anos; 40 prazas para nenos de 3 a 7 anos; e 50 prazas para rapaces de 8 a 16 anos. O número de prazas por tramo de idade, poderá variar en función das solicitudes e dos ingresos decretados pola Consellería de Traballo e Benestar.

Os interesados en solicitar o servizo deberán facelo dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o 27 de marzo no Rexistro Xeral da Deputación.

Obxectivos
Favorecer a integración persoal e grupal.; promover o cambio de actitudes e condutas nos menores, interiorizando hábitos que permitan a súa eficaz incorporación social; asesorar e orientar a menores e ás familias que así o soliciten ante problemas ou necesidades concretas; garantir ós menores unhas mellores condicións de saúde, hixiene e nutrición; e entre outras cuestións, evitar o absentismo escolar e ofrecer unha alternativa para que o neno permaneza no seo da súa familia, restablecendo, fortalecendo ou creando os vínculos familiares dos menores.

Prestacións:“Atención de Día Básica” e “Atención de Día Integral”:
Atención de Día Básica
·        Aloxamento diúrno en instalacións adecuadas.
·        Atención durante o curso lectivo, axustándose o máximo posible o calendario escolar.
·        Horarios de atención flexible, dependendo das necesidades do menor
·        Alimentación : xantar e merenda.
·        Apoio e seguimento escolar, incluíndo materiais funxibles.
·        Financiamento do transporte, exceptuando ós nenos de idades comprendidas entre os 4 meses e os 3 anos.
·        A duración media do curso non poderá exceder dun ano, rematado este período, será preciso proceder á revisión da situación do menor.
·        Participar nas actividades organizadas pola institución ou polo centro escolar o que acuda o menor.
 Atención de Día Integral
·        Aloxamento diúrno en instalacións axeitadas.
·        Atención durante todo o ano.
·        Horario de atención mínimo do centro será de 8 a 20.00 horas.
·        Alimentación: xantar e merenda, en casos puntuais que así o requiran, almorzo e cea.
·        Hixiene e educación nos hábitos de saúde.
·        Seguimento e apoio escolar, incluíndo materiais educativos e didácticos.
·        Animación planificada do tempo libre e os materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades.
·        Financiamento do transporte de proximidade, exceptuando ós nenos de idades comprendidas entre os 4 meses e os 3 anos.
·        Servizo de titorías; orientación psico-educativa.
Infraestrutura
A Cidade Infantil dispón dun entorno espacial amplo, seguro e san. No seu exterior conta con instalacións como un campo de fútbol, un pavillón, piscinas, espazos libres, columpios, xardíns, zonas de recreo. O centro permite unha conexión fácil, rápida con Pontevedra, dispón de transporte propio e está situado a cen metros dun hospital. Dispón de cociña xeral propia, comedor xeral e comedores particulares nas unidades de convivencia. As zonas de convivencia dos rapaces son moi amplas, recentemente remodeladas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario