17 de xuño de 2010

PONTEVEDRA

A integración de Alternativa Tomiñesa no PP dará a esta formación a “maioría natural que nos permita gobernar Tomiño” en 2011, asegura Louzán


Pérez Ares destacou a necesidade de “sumar esforzos para a unión do centro dereita” e acadar así un partido “renovado e reforzado”





· Os dous edís de Alternativa Tomiñesa integraranse no Grupo Municipal do PP, que pasará así dos 6 concelleiros actuais a 8


· O presidente do PP provincial e o presidente local afirmaron que esta formación segue traballando para “unir vontades” con outras formacións afíns tanto no sur da provincia como noutros concellos


· O dirixente de Alternativa Tomiñesa amosouse confiado en que a unidade devolverá a Tomiño un goberno serio, xa que o actual executivo “estanos hipotecando”


Infogauda / Pontevedra


A integración de Alternativa Tomiñesa nas filas do PP suporá un reforzo para este partido e marca un novo paso adiante na liña marcada pola dirección provincial do partido co obxectivo de “sumar persoas, ideas, ilusións, propostas e visións de futuro para poder presentarlle aos cidadáns unha alternativa sólida e con capacidade para acadar a maioría natural que permitirá que concellos coma este de Tomiño conten cun goberno único e forte”.
Así o asegurou esta mañá o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, nunha rolda de prensa ofrecida en Pontevedra e na que se procedeu á sinatura do acordo de integración de ambas formacións políticas.
O líder provincial coincidiu co presidente local do PP, César Pérez Ares e co líder de Alternativa Tomiñesa, José Antonio Souto, ao destacar que o acordo alcanzado entre ambas formacións políticas é unha “boa noticia” que dará lugar a un partido “máis forte e renovado”, capaz de devolverlle a Tomiño un goberno serio.
CONGRESO LOCAL
Nesta liña, Rafael Louzán incidiu en que, se as dúas formacións se tivesen presentado xuntas en 2007, posiblemente tivesen xa a maioría absoluta neste concello, polo que “esta suma resulta de vital importancia”.
A unión das dúas formacións locais consolidarase no Congreso que o PP de Tomiño celebra esta fin de semana e do que sairá elixida unha Executiva na que xa estarán integrados os membros de Alternativa Tomiñesa.
Pérez Ares, único candidato que opta á presidencia do PP local, incidiu en que a unidade das dúas forzas –entre as que dixo que “non hai diferenzas ideolóxicas”– obedece ao encargo da dirección provincial de que iniciase un proceso de “sumar esforzos” ao proxecto do PP. Así, indicou que Alternativa Tomiñesa representa un paso adiante na renovación do partido local e permitirá a incorporación ao Grupo Municipal Popular dos dous concelleiros desta formación independente, de modo que o PP pasará de 6 a 8 concelleiros.
“Achegan recursos humanos moi cualificados e de gran valor”, salientou Pérez Ares, antes de anunciar que seguirá avanzando na unión do centro dereita en Tomiño, para o que xa se están realizando negociacións con “outros grupos afíns neste concello”.
Pola súa banda, o líder de Alternativa Tomiñesa, José Antonio Souto, agradeceu o esforzo realizado polo PP e a súa xenerosidade á hora de abrirlle as portas para que puidesen integrarse nesta formación “á que xa pertenciamos a maioría” e que, polo tanto, e tal e como manifestou o presidente provincial, Rafael Louzán, era “a súa casa natural”.
Souto recalcou que a unión era fundamental para poder “loitar” cos folgos suficientes por devolverlle a Tomiño un goberno do PP e liberar o municipio dun executivo totalmente paralizado e “nos está hipotecando”.
“O acordo é o mellor para as dúas partes”, concluiu José Antonio Souto.
OUTRAS INTEGRACIÓNS
En resposta a preguntas dos xornalistas, o presidente provincial recoñeceu unha vez máis que a dirección provincial está traballando intensamente para que se sumen ao PP formacións independentes doutros concellos, como os propios Centristas de Tomiño, os membros de Acción Tudense ou, incluso, algunha formación de Nigrán, aínda que recalcou que, polo de agora, estase en fase de contactos e que terá que ser o tempo o que diga se esas unións se concretan ou non.
“Requírese tempo e xenerosidade”, indicou Louzán, para quen “nun momento difícil” como o actual é preciso poder presentarlle aos cidadáns “unha alternativa de goberno sólida e seria” para evitar situacións como a que se vive en Tomiño e noutros moitos concellos, con gobernos bipartitos ou tripartitos “que custan o dobre ou o triple” aos cidadáns que un goberno unido. “Hai que gastar menos nos gobernos e máis nos cidadáns”, asegurou o presidente provincial, e iso é o que o PP pode ofrecer.
MOCIÓNS
En canto á posibilidade de que a integración concelleiros de partidos locais dea pe a mocións de censura antes das municipais, o presidente provincial dixo que non contemplan esa opción, dado que “a menos de 340 días” para a celebración dos comicios, o eixe de traballo do PP non se orienta á censura, senón a “facer alternativas sólidas” e a definir “os mellores candidatos e as mellores candidaturas” para obter maiorías suficientes en 2011.
En contraposición ao que fan outros, que pactan gobernos unha vez que os cidadáns xa tomaron a súa decisión nas urnas, “os nosos gobernos decidiranse cando os cidadáns depositen o seu voto”, afirmou Louzán.
DEPUTADOS PROVINCIAIS
Finalmente, Rafael Louzán referiuse tamén ás posibles variacións no reparto de deputados provinciais e afirmou que ese reparto vai depender do censo que se empregue, se a 31 de decembro de 2009 ou, como considera máis lóxico, o de 31 de decembro de 2010.
En función diso, dixo, pode ser que oscile un deputado entre os partidos xudiciais de Ponteareas e Vigo, que son os dous que poderían perdelo, e o de Tui, que sería o que recuperaría ese deputado.
Sexa como sexa, Louzán amosouse confiado en que desta redistribución de deputados o PP non sairía prexudicado. Así, indicou que se o deputado o perde Ponteareas, perderíao o BNG e recuperaríao o PP en Tui e se o que o perde é Vigo, aínda que o perdería o PP, volvería recuperalo en Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario