22 de maio de 2009

AMNISTÍA INTERNACIONAL

COMUNICADO DE AMNISTÍA INTERNACIONAL





Amnistía Internacional / Galicia



21 de maio de 2009

Embargado ata ás 11.00 horas Península e Baleares do 21 de maio de 2009



Eleccións ao Parlamento Europeo

A Eurocámara debe impulsar unha política coherente sobre dereitos humanos dentro e fóra da UE



Amnistía Internacional pide aos candidatos e ás candidatas un compromiso público cos dereitos humanos



En Galicia, a organización pide a Ana Miranda, candidata do BNG, que asuma unha axenda de dereitos humanos



Vigo.- Co gallo das eleccións ao Parlamento Europeo (PE) que se celebran en España o próximo 7 de xuño, Amnistía Internacional (AI) dirixiuse aos candidatos e candidatas para recordarlles que os dereitos humanos deben ocupar un lugar relevante non só no discurso europeo, senón tamén nas accións, programas e plans da Unión Europea. Por iso, pídelles un compromiso público para que a Eurocámara empregue as súas funcións lexislativas e de control para dar prioridade aos dereitos humanos.

“Ese compromiso debe concretarse en iniciativas que teñan en conta a protección dos dereitos das persoas migrantes, refuxiadas e solicitantes de asilo na UE, condenen a discriminación que sofren as persoas de etnia xitana e outros colectivos vulnerables nos Estados Membros, apoien o traballo dos defensores e defensoras de dereitos humanos dentro e fóra de Europa e condenen a complicidade ou participación dos servicios secretos e gobernos de países europeos nas “entregas extraordinarias da CIA”, manifestou Yolanda Román, responsable de Relacións Institucionais de AI en Galicia, que enviará nos vindeiros días unha axenda con propostas de dereitos humanos á candidata do BNG, no marco dunha acción de Amnistía Internacional en todo o Estado dirixida a todos os partidos políticos

Para Amnistía Internacional, a renovación da Eurocámara ofrece unha nova oportunidade para traballar sobre unha axenda fundamental de dereitos humanos que se aplique durante os próximos cinco anos, baseada en tres liñas principais.
1.- A UE debe responder de forma axeitada aos asuntos de dereitos humanos dentro das súas fronteiras. “Ademais dunha obriga, é unha cuestión de coherencia. No caso contrario, a UE perde forza e credibilidade á hora de esixir responsabilidades por violacións de dereitos humanos noutros países”, sinalou Román.
O Parlamento Europeo tivo un papel destacado á hora de abordar a responsabilidade da UE e os Estados Membros nas actividades ilegais da CIA, como as “entregas extraordinarias” en territorio europeo. Tanto a investigación coma o informe realizado pola Comisión Temporal, así coma a resolución do pasado mes de febreiro condenando as prácticas ilegais da CIA e apuntando á complicidade de varios gobernos ao respecto, foron cruciais. Con todo, nin os Estados nin a UE, nin as propias institucións europeas responderon axeitadamente ás recomendacións desta cámara.
Por iso, o Parlamento Europeo debe seguir esta dirección, apoiando accións e políticas de promoción e protección dos dereitos humanos, así coma mecanismos de rendición de contas por abusos cometidos na UE, “non só en relación con asuntos dos voos secretos da CIA, senón que tamén debe ter en conta unha posición coherente a favor da defensa e a protección dos dereitos humanos en materia de seguridade, inmigración e refuxio, discriminación de todo tipo e exclusión de colectivos vulnerables en Europa coma a comunidade xitana, entre outros” manifestou a voceira de AI.
2.- Todas as relacións da UE con terceiros países deben integrar unha axenda clara de dereitos humanos. O PE debe xogar un papel destacado para que en todos os cumios, reunións bilaterais, acordos económicos, estratéxicos, misións no terreo, etc. os dereitos humanos sexan unha parte integral das discusións.
A Eurocámara debe pronunciarse publicamente contra violacións e abusos de dereitos humanos en distintas partes do mundo, como fixo, por exemplo, en 2008 condenando torturas e violacións de dereitos humanos en Exipto, e expresar o seu apoio a activistas que en moitos casos arriscan a súa vida polo seu lexítimo traballo en defensa dos dereitos humanos, tal e como fixo tamén en 2008 concedéndolle o Premio Sajarov para a Liberdade de Conciencia ao defensor de dereitos humanos chinés, Hu Jia, actualmente detido.
3.- A UE debe destinar recursos financeiros e humanos axeitados para cumprir cos seus compromisos en materia de dereitos humanos. O PE na súa función de control e aprobación do orzamento anual, que ascende a 130.000 millóns de euros, debe asegurar que a promoción e a protección dos dereitos humanos e as políticas de loita contra a pobreza dentro e fóra das súas fronteiras cun enfoque de dereitos humanos estean dotadas de recursos humanos e financeiros suficientes.
“Amnistía Internacional invita a que no debate que terá lugar nas vindeiras semanas durante a campaña electoral se aborden as propostas e accións das diferentes candidaturas para mellorar a situación dos dereitos humanos dentro da UE e así aproveitar o seu potencial para influír máis positivamente alén das súas fronteiras”, sinalou Román.
Información adicional
Entre o 4 e o 7 de xuño celébranse eleccións ao Parlamento Europeo en 27 Estados Membros da UE. En España, os comicios terán lugar o domingo 7. Xunto con Consello da Unión Europea, o Parlamento Europeo ostenta o poder lexislativo e é a institución que se encarga de controlar e aprobar propostas lexislativas presentadas pola Comisión Europea. Na actualidade, o PE representa aproximadamente a 490 millóns de persoas dos países da UE".

Ningún comentario:

Publicar un comentario