4 de out. de 2011

GALICIA

VIKINGLAND seleccionada no festival de Jihlava (República Checa)


Na imaxe o cineasta de A Guarda, Xurxo Chirro


Gustavo González Rodríguez / Galicia


O XV Festival de Jihlava, que se celebrará do 25 ao 31 de outubro, inclúe dentro da súa competición oficial o documental galego “Vikingland”, dirixido polo guardés Xurxo Chirro. O certame checo, un dos máis importantes de Europa no campo da non ficción, seleccionou o filme galego para a súa sección principal, “Opus Bonum”, que recolle as obras máis destacadas a nivel mundial.

A estrea mundial de “Vikingland” tivo lugar o pasado mes de xullo no prestixioso FIDMarsella, un marco excelente para que fora visto por críticos e seleccionadores de diversos países e que lle auguraba unha longa andaina polo circuíto de festivais. O filme ten xa confirmada a súa presenza noutros importantes certames internacionais, cuxa programación será anunciada nas próximas semanas.
“Vikingland” está baseado nas gravacións en vídeo que fixo Luis Lomba “O Haia”, un mariñeiro da Guarda embarcado nun transbordador entre as illas de Romo (Dinamarca) e Sylt (Alemaña). As imaxes, que dan conta da súa vida e a dos seus compañeiros para erixirse en testemuño da emigración galega, son o punto de partida dunha proposta fílmica anovadora dentro do xénero documental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario