4 de out. de 2011

O ROSAL

O BNG lamenta a pasividade do PP diante da perda continuada de servizos no concello do Rosal


Alberte Alonso Pereira e Carlos Villanueva, concelleiros do BNG


Os nacionalistas poñen como exemplo a perda da unidade móbil de expedición do DNI e do servizo de comadroa no Centro de Saúde

Infogauda / O Rosal

O BNG lamenta a pasividade do grupo de goberno do PP diante de perda continuada de servizos no concello do Rosal. Os nacionalistas apuntan dous exemplos claros: a unidade móbil de expedición do DNI e o servizo de comadroa no Centro de Saúde.

Para os nacionalistas, “o alcalde tiña que ser quen se puxera ao fronte das reivindicacións, para reclamar uns servizos que tivemos e que nos últimos anos se perderon pola pasividade e complicidade do PP local”.

Expedición do DNI
Segundo indican os nacionalistas, a finais do pasado ano aprobouse en pleno, solicitar que unha unidade móbil para a expedición do DNI se trasladara periodicamente ao concello do Rosal, como xa o facía anteriormente. Ese acordo foi trasladado ao Ministerio do Interior.

O pasado 14 de xullo, tivo entrada no concello a resposta do Ministerio, na que, practicamente copiaba unha resposta que xa lle dera á deputada do BNG no Congreso, Olalla Fernández Davila. Na mesma, indica Alonso Pereira, “o Ministerio bota balóns fora asegurando que a expedición do DNI e Pasaporte para a zona do Baixo Miño correspóndelle a Vigo, e que ademais hai un equipo en Tui para estes fins, co cal o servizo está cuberto”.

“Realizar os trámites para obter o DNI na oficina de Tui é toda unha odisea para os veciños”, indica Alonso Pereira, e engade que “moitas persoas fan colas dende a madrugada” pola falla dun servizo de cita previa. “A solución para os veciños do Rosal pasaría -como se solicitaba no acordo plenario-, polo traslado dunha unidade móbil ata este concello cunha periodicidade adecuada”, afirma.

Alonso Pereira dixo que “é lamentable que pasados máis de dous meses despois de recibir esta resposta, o PP permaneza no silencio máis absoluto e non moveran un dedo para procurar recuperar este servizo, adoitando unha postura de submisión e resignación”.

Servizo de Comadroa
O voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, lembra que a finais do ano pasado aprobouse en pleno unha proposta do BNG, na que se solicitaba instar a Consellaría de Sanidade a garantir a atención especializada da Comadroa no Centro de Saúde do Rosal e a cubrir a praza vacante na maior brevidade de tempo posíbel. Así mesmo, os nacionalistas presentaron varias iniciativas no Parlamento galego coa mesma intención. A resposta da Xunta foi desestimalas, alegando que o servizo estaba ben atendido coa comadroa do veciño concello da Guarda, ao que agora mesmo se teñen que desprazar as mulleres do Rosal.

Despois de varios meses sen que o goberno municipal fixera nada por solventar a perda deste servizo. O BNG volveu a solicitar no pleno celebrado o pasado 30 de xullo que se repuxera a comadroa. Segundo os nacionalistas, o goberno do PP comprometeuse nese pleno a facer xestións diante da Consellaría de Sanidade, co fin de repor este servizo.

O voceiro nacionalista, Alonso Pereira, lamenta que o goberno municipal esperara ata o pasado 22 de setembro -case dous meses- para reiterar a solicitude de que se cubra esta praza, o que cualifica como “actitude pasiva”. Esperan, de todos xeitos, que a solicitude sexa tida en conta polo ben das veciñas do Rosal, que viron como desaparecía un servizo fundamental para elas, “e máis agora que algunhas probas, como as citoloxías, fanllas as propias comadroas” como recoñeceron as propias concelleiras do grupo de goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario