10 de out. de 2019

A GUARDA

Últimas prazas para o curso de ximnasia sénior 

Infogauda / A Guarda

 A Concellería de Deportes do Concello de A Guarda informa das últimas prazas libres para o curso de ximnasia sénior que se realiza na Piscina Municipal. 

 O curso de ximnasia sénior, para maiores de 65 anos, realízase os mércores e venres  de 11:30 a 12:15h,  cun custe de 10€ ao mes.  

 As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ata esgotar as prazas vacantes no Concello de A Guarda a través do teléfono 986 610 000  ou no enderezo electrónico deportes@aguarda.es

A GUARDA

Música e filatelia centran as actividades desta fin de semana na vila 

The Pretty Shirts actuará o sábado día 12 na Praza do Reló

 Infogauda / A Guarda

 O concerto do grupo The Pretty Shirts, do sábado, na Praza do Reló, e a Mostra Filatélica Exfimiño 2019, no Centro Cultural, son as principais propostas para esta fin de semana na vila. 

VENRES 11 




  Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición, está dedicada ao inmoble do Hospital Casa Asilo de A Guarda, que desde fai varios anos acolle o Centro Cultural e Social da vila.  

 Esta mostra filatélica pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural, ata o domingo, de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h.  

 Como ven sendo habitual, a mostra conta con coleccións de distintos lugares de Galicia, presentadas en distintas modalidades filatélicas (tradicional, temática, un cadro, clase aberta,...) e tamén algunha colección de numismática.   

 Este venres ás 20:00 horas terá lugar a apertura dunha estafeta temporal de Correos e ás 20:30 horas, a inauguración oficial con recepción de autoridades e presentación do cuño oficial da mostra e posta en circulación do sobre conmemorativo, contando coa intervención do historiador local Joaquín Miguel Villa Álvarez, que pronunciará unha conferencia sobre o edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda.  

SÁBADO 12 

 Continúa aberta ao público a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. Esta mostra filatélica pode visitarse na Sala de Exposicións do Centro Cultural ata o domingo día 13 de outubro, de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h. 



 Por outra banda, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha o proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’. Unha iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, que busca crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.   

 Trátase - segundo os organizadores - de dinamizar e ofrecer á poboación e peregrinos, experiencias positivas e desestacionalizadas naqueles concellos do noso territorio polos que pasa o Camiño de Santiago.  

 Ao abeiro do programa ‘Música e Viño no Teu Camiño’, na xornada deste sábado día 12 de outubro, ás 20:30h na Praza do Reló, o grupo local The Pretty Shirts Rock&Roll Band ofrecerá un concerto musical.   

 O evento, que terá lugar ao aire libre e totalmente gratuíto, será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños da D. O. Rías Baixas subzona do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. 

 Contarase coa presenza e participación das seguintes adegas: Quinta de Couselo, Adega do Vimbio, Altos de Torona e Terras Gauda.   

DOMINGO 13 

 O domingo ainda continúa aberta no Centro Cultural da vila a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.

 Poderase visitar de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h.

O BAIXO MIÑO

O AECT RIO MINHO PARTICIPA EN BRUXELAS NA SEMANA EUROPEA DAS REXIÓNS E DAS CIDADES   

O encontro, que reuniu a 9.000 expertos e expertas de todo o continente, é unha das ‘citas clave’ da política rexional europea   

Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho
Fotos: D. PO.

 Infogauda / O Baixo Miño

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, asistiu á decimo sétima edición da ‘European Week of Regions and Cities’ que se celebrou en Bruxelas do 7 ao 10 outubro, onde estivo acompañado polo secretariado técnico do agrupamento galego-portugués Rio Minho. Segundo explicou o deputado provincial, este encontro anual “é a cita máis importante da Política Rexional da Unión Europea”.  


O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez - na imaxe, 2º pola dereita -, e os membros do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios


 A Semana Europea das Rexións e as Cidades é un evento que se celebra cada ano na capital europea e que ao longo de catro días ofrece ao funcionariado das administracións rexionais e locais, expertos e expertas e representantes do mundo académico a posibilidade de compartir boas prácticas e coñecemento especializado en desenvolvemento rexional e urbano sendo omaior evento público europeo deste tipo. Preto de 9.000 asistentes de todo o continente déronse cita nesta edición para participar nun programa composto por aproximadamente 100 sesións de traballo, exposicións e eventos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.   

 O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, e os membros do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios, dos que Benítez destacou a especial relevancia dun sobre plurilingüismo e cooperación cultural nas rexións transfronteirizas e outro sobre obstáculos legais no contexto da cooperación. Así mesmo mantivéronse reunións paralelas con representantes de asociacións de rexións fronterizas de Europa e representantes da DG Regio, cos que aproveitaron para presentar e explicar a Estratexia  do Rio Minho 2030 e todo o proceso de elaboración da mesma.  

 O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 24 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socia. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.

TOMIÑO

A asociación de viveiristas de Tomiño expón no mercado corenta imaxes do sector 

A mostra, que conta coa colaboración do Concello, permanecerá aberta entre o 11 e o 25 deste mes. 

A inauguración será o mércores 16 ás 21:00h  



Infogauda / Tomiño

 A exposición “O territorio do Baixo Miño e o sector agrario: motor de desenvolvemento sostible”, organizada pola Asociación Cultivos do Baixo Miño (acuBam), en colaboración co Concello, estará aberta ao público entre o 11 e o 25 de outubro no primeiro andar do Mercado Municipal.  

 A mostra está composta de corenta imaxes actuais do sector agrícola e viveirista, na que se reflicten diversas producións e hectáreas de cultivo, así como elementos xeográficos característicos da comarca.  

 Dende a directiva de acuBam, explican que o obxectivo desta exposición é a posta en valor do territorio e do sector agro da Comarca. “A nosa idea é destacar o sector agrario da Comarca do Baixo Miño, composto por empresas produtoras de planta ornamental, flor, froita e horta, así coma a posta en valor do territorio do Baixo Miño, que lle aporta aos produtos do territorio un distintivo de calidade e singularidade. Nesta exposición poderase ver un sector moderno, verde, tecnolóxico e que ofrece posibilidades de desenvolvemento profesional para as persoas do territorio. Un sector que é motor de desenvolvemento non só económico, senón medioambiental e profesional”.  

 As imaxes son propiedade da asociación, quen investiu nesta acción de promoción e posta en valor do sector e do territorio, coa axuda das subvencións que cada ano publica o Igape para a execución de accións de promoción e internacionalización a través de organismos intermedios, coma neste caso, a Asociación Cultivos Baixo Miño – acuBam.  

 Trátase por tanto dunha exposición en colaboración co Concello de Tomiño, institución que ven apoiando ao sector ao longo dos últimos anos de maneira continuada, recoñecendo o motor de desenvolvemento sostible que conforma o mesmo no territorio.  

 A inauguración está prevista para o mércores 16 ás 21:00 horas.

GONDOMAR

O BNG PIDE DOTAR O CENTRO DE SAÚDE DE GONDOMAR  DUNHA PRAZA DE PEDIATRÍA EN HORARIO DE TARDE PARA DESCONXESTIONAR O CUPO DA MAÑÁ  
 
Montserrat Prado tamén reclamou manter a asistencia sanitaria en horario  en  de maña e tarde, e substituír ao persoal en vacacións e días libres  

Montserrat Prado Cores, parlamentaria do BNG

 Infogauda / Gondomar 

  A parlamentaria do BNG, Montserrat Prado Cores reclamou, a través dunha proposición non de lei, que se dote dunha praza de pediatría o Centro de Saúde de Gondomar para desconxestionar o cupo da mañá. Ademais a proposta tamén incluía manter a asistencia sanitaria en horario completo, “de mañá e tarde”. 

 Na súa intervención asegurou que as medidas propostas polo BNG queren “mellorar a calidade asistencial dos veciños e veciñas de Gondomar”, nese sentido demandou a necesidade de incrementar o persoal comezando por unha matrona e un pediatra porque na actualidade,  “1.300 nenos e nenas son atendidos só por un pediatra” que representa unha “ratio excesiva” e contradí as recomendacións para esta atención. Para a deputada, “un profesional saturado implica un gran nivel de estrés e con menos tempo de dedicación aos nenos e nenas”. 

 A nacionalista insistiu na necesidade de mellorar a calidade asistencial do centro de Gondomar e para isto, dixo, é preciso que  que o novo centro de Saúde, que comezará proximamente a súa actividade, debe contar con persoal suficiente para ofrecer esa calidade asistencial a comezar, dixo,  por unha praza de pediatría que favorecería a “conciliación familiar” xa que moitos pais e nais se ven obrigados a acudir ao servizo de pediatría só en horario de mañá.    

 Desde marzo do ano pasado, engadiu Prado, o   cupo  de pediatría está pechado e as familias con crianzas nadas nesa  data vense obrigados a desprazarse a outras consultas  pediátricas de Nigrán ou Baiona.  

 Este problema agrávase  no verán ao non substituír o  SERGAS  pediatra titular durante as vacacións. Por outro lado, tampouco se cobren as vacacións da matrona obrigando a  suspender  os cursos de preparación pre e post parto nese período  ao igual eu consultas  xinecolóxicas tanto de seguemento de embarazos como  controis de mulleres en xeral.  

 A situación do Centro de Saúde de Gondomar é outro exemplo, afirmou a nacionalista da política posta en marcha polo  Partido popular para “amortizar prazas e seguir aplicando recortes na Atención primaria”. 

 A parlamentaria  lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impedira que a proposta do BNG prosperara para cubrir cunha praza de pediatra o Centro de Saúde de Gondomar e mellorar a calidade asistencial.

ARCOS DE VALDEVEZ

12 Trilhos 12 Experiências - Trilho do Outono 
Data: 13 Outubro 



María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Com as temperaturas a caírem assim como as folhas das árvores, o convite passa por aproveitar o Outono…um espetáculo único, pintado com tons avermelhados, alaranjados e dourados. 

 É nesta altura que os caminhos ficam cobertos com um tapete de folhas, digno de muitas fotografias e brincadeiras num equilíbrio perfeito para passeios em contacto com a natureza. No dia 13 de Outubro espera-nos um trilho com cenários multicolores. Venha connosco.  

Programa: 
8H30 - Receção dos participantes 
Local de encontro: Nature4, Arcos de Valdevez (Coordenadas GPS: – 41°50`43.94“N; 8°25`02.76“O) 
9H00 - Partida dos participantes até ao local de início do trilho - Travassos, Senharei 
9H30 - Início da caminhada 
13h00 - Fim da caminhada 

Inscrições: 258 510 100 / portadomezio@ardal.pt Organização: ARDAL-Porta do Mezio  

Percurso 
Distância aproximada: 7,5 km 
Duração aproximada: 3h00 
Dificuldade: Fácil 

Nota: Os participantes devem trazer roupa e calçado confortável, água, reforço alimentar assim como copo para o chá e café (não fornecemos copos de plástico por motivos ambientais).

ARCOS DE VALDEVEZ

ARCOS Á MESA

PICA NO CHÂO

19 E 20 OUTUBRO

Para ler melhor premer na imagem

LABORAL

A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais dos supermercados Moldes de Pontevedra

Obtivo 7 dos 13 representantes do comité de empresa provincial


Infogauda / Pontevedra

   A CIG-Servizos de Pontevedra gañou con maioría absoluta as eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa Victoriano Moldes Ruibal, que xestiona a rede de supermercados Moldes, propiedade do grupo Froiz. A central logrou 7 dos 13 delegados/as do comité provincial grazas aos 181 votos colleitados entre o cadro de persoal.  

 Deste xeito, a federación de Servizos da CIG de Pontevedra mellora os resultados do anterior proceso electoral, nos que obtivera 5 representantes, o que lle permite desbancar a Fetico da presidencia do comité (tamén contaba con 5 representantes, pero liderou o comité grazas ao apoio dos 3 delegados/as da USO).  

 A representación dos 442 traballadores/as de supermercados Moldes na provincia de Pontevedra complétase con 2 delegados/as de Fetico (55 votos), 2 da USO (52 votos), 1 da UGT (36 votos) e 1 da CUT (20 votos).  

 Dende a CIG-Servizos agradécenlle ao cadro de persoal a confianza depositada na candidatura da CIG e adiantan que continuarán a loitar na defensa dos dereitos e na mellora das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as, “agora con máis forza se cabe despois do amplo respaldo obtido entre os traballadores/as”.

9 de out. de 2019

OIA

PATRIMÓNIO

Considerações paisagistas em Oia
(54ª parte)



ENCONTROS POLIORCÉTICOS / Oia    

 Largura do mosteiro, de norte a sul, vem assinalada com 85 metros de comprimento. Regra paisagista, mesmo adoçada e suave, impõe um mínimo espacial razoável de 170 metros livres para a envolvente, ou seja, dupla e positiva distância. Tal seria teoricamente a Zona de Salvamento, muito embora saibamos que em redor do nosso cenobio nem se toca esta importantíssima referência legal (Zonas de Proteção e Amortecimento; Artigos 12 e 13 da Lei do Património Cultural de Galiza). No artigo 13.2, aliás, sublinha-se uma razão por forma a ser implementada uma área de amortecimento expressa: "(...) terão-se em conta as condições de visibilidade e perspectiva do bem (...)". Olhem, que estamos a falar da superfície mais externa do campo monacal. Por campo monacal entendemos os espaços terrenos e visuais dignos de projeção e de perspectiva (res-do-chão, alturas médias e aéreas ).   




 TAIS VISIBILIDADE E PERSPECTIVA, DE FACTO, SÃO POSTAS EM CAUSA NOS PLANOS DA "RMO" E "KALEIDO". Argumentação tão simples não é tida em conta por estes senhores; mesmo que tivessem de apresentar outros planos ou projetos, jamais renunciariam ao quinhão de ganância que lhes supõe todo o relativo ao aquaturismo. Estranhos caminhos esses dos "amantes do mosteiro". Aquilo que se pretende, propositadamente, é INVADIR ÁREAS PREVIAMENTE ADQUIRIDAS DE MOLDE A "MATAR O BICHO" PAISAGISTA, NÃO FOSSE  ALGUÉM "ABRISSE O OLHO" DANDO  CONTA DA DESFEITA. Daí as pressas. Servem-se das edificações colindantes PARA FAZER UMA ÓSMOSE de conveniência, irrealizável, supondo tal uma nova agressão volumétrica. Para além disso, alguns blocos prediais, blocos de con-domínio, sediam-se a 65 metros das asas monacais!! Ouviram alguma vez falar nestes últimos 14 anos de preservação paisagista, de perspectivas desimpedidas, de espaços de proteção e mesmo de amortecimento  entre os responsáveis da "RMO"? É chegada a hora dos drones falarem, é chegada a hora da tridimensionalidade exibir o calibre daquilo que se pretende. Parem de empaliar, parem de fazer o número! Vocês não respeitaram nunca o fator paisagem, nunca. Não venham agora com falinhas mansas e  mensagens trucadas.   

 Era bom submeter em plenário guardense aquela iniciativa que fizeram os cargos eleitos municipais de Baiona sobre o mosteiro de Oia. Cada um fala por si, mas Oia é assunto de todos. Querem filtrar um projeto construtivo à maneira deles, tipo "SIM OU SOPAS", fazendo pressão à vontade, servindo-se da altíssima política vinda de Vigo ou da Deputação, aliciando conseguidores e "arbeitsgeber" socialistas, recrutando pessoas e eventos como isco. Não vamos nessa cantiga. 

O ROSAL

A VECIÑANZA CONTA 

A ALCALDESA REUNIUSE CON REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO (AECC) BAIXO MIÑO

De esq. a der.: A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) Baixo Miño, Carlos Rodriguez Vicente, e coa secretaria Pilar Barbosa Melo
Foto: C.O.R.
 
 Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís mantivo este mércores día 9 de outubro unha reunión co presidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) Baixo Miño, Carlos Rodriguez Vicente, e coa secretaria Pilar Barbosa Melo. 

 Esta asociación, cunha gran traxectoria no coidado e atención a persoas oncolóxicas, desenrola a súa actividade en todo o territorio nacional por medio das súas xuntas provinciais. Neste caso concreto ten un ámbito comarcal, traballando coa poboación de todos os concellos do Baixo Miño. 

 A súa labor máis recoñecida é loita contra o cancro dende tódalas perspectivas coñecidas: prevención, axuda psicosocial integral a enfermos e familiares, información e sensibilización coa enfermidade, e coidados paliativos. 

 Como explicaron os membros da Asociación Española contra o Cancro - Baixo Miño, que teñen atención ao público no Centro Social Polivalente do Rosal todos os mércores de 10:00 a 12:00 h.; a AECC ten a disposición de todos aqueles enfermos de cancro e as súas familias, un servicio gratuito de orientación médica telefonica. 

 "A intención deste equipo de goberno é - dixo á alcaldesa Anxela Fernández - favorecer o traballo das asociacións e colaborar no desenvolvemento de accións conxuntas. Para isto é fundamental por a vista nos próximos orzamentos para o ano 2020, no que se teñan en conta as súas demandas, así como as nosas posibilidades".

O ROSAL

III XORNADAS FORESTAIS BAIXO MIÑO 

19 de Outubro ás 16:00 h., no Centro Polivalente do Rosal


  
A JALLEIRA AFEA / O Rosal

 Conferencia: SERRA DA GROBA “Terra de contrastes” 

 Conferencia sobre o proxecto divulgativo promovido polo o alumnado do I.E.S. A Sangriña, sobre os valores naturais, patrimoniais e culturais da Serra da Groba. 

 17:00 H. - Experiencia: Comunidade de Montes de Couso. 

 Monte Veciñal de Gondomar que nos ven amosar súa aposta pola diversificación e posta en valor dos seus recursos naturais e patrimoniais. 

18:30 H. Cooperativismo: Pouso da Serra. 

 Sociedade Cooperativa Xuvenil do Cangas do Morrazo adicada a gandería, apicultura e ós servizos forestais. 

19:30 H. Mesa redonda e clausura da xornada. 

Lugar: Centro Polivalente do Rosal. 

INFO: AJALLEIRA@BLOGSPOT.COM 

FACEBOOK: A JALLEIRA AFEA

O ROSAL

Ruta botánica guiada e magosto anual da Asociación A Jalleira

As actividades, que contan coa colaboura do Concello do Rosal, terán lugar o sábado día 12 de outubro de 2019


Grupo Folclórico Tralo Mosteiro, de Oia
Grupo Deixandar, do Rosal

  
Infogauda / O Rosal

 Organizada pola Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira, o vindeiro sábado día 12 de outubro, ás 16:00 horas, na praia de Eiras, dará comezo unha andaina botánica guiada, pola contorna de Eiras (O Rosal).

  Logo da andaina, ás 18:00 horas, na carballeira de San Miguel de Tabagón, xunto á igrexa parroquial, celebrarase un magosto con castañas de balde, e merenda e bebidas a prezos populares.

 Este magosto, organizado pola Asociación A Jalleira, estará amenizado cunha foliada na que participarán o Grupo Folclórico Tralo Mosteiro, de Oia, e polo Grupo Deixandar, do Rosal.

 En caso de climatoloxía adversa, o magosto terá lugar no Centro Cultural de San Miguel (á beira do restaurante As Brasas).

  Para o desenvolvemto desas dúas actividades A Jalleira conta coa colaboura do Concello do Rosal.

TOMIÑO / VILA NOVA DE CERVEIRA

Os centros educativos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira piden unha solución legal para poder realizar máis actividades na fronteira 

Os dificultosos trámites burocráticos impiden que se celebren moitos intercambios e demais proxectos conxuntos
  
Directores e representantes dos centros educativos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira na xuntanza organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portuga
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño / Vila Nova de Cerveira

 Directores e representantes dos centros educativos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira explicaron durante a segunda xuntanza organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (no marco do programa europeo “B-Solutions), do que tamén á promotora a Eurocidade Cerveira-Tomiño), cada un dos numerosos obstáculos e trámites burocráticos que deben sortear para poder organizar actividades conxuntas.  

 O experto designado pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), José Manuel Sobrino (Catedrático de Dereito Internacional Público na Universidade da Coruña, especializado en Dereito Comunitario e en Organizacións Internacionais), puido deste xeito, tomar nota de boca dos afectados dos problemas aos que estes se enfrontan cada día  para levar a cabo actividades escolares transfronteirizas. Fíxoo acompañado polo director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago e técnicos.  

 Simplificar os trámites para a mobilidade dos menores participantes en intercambios culturais, deportivos e educativos, utilizando o sentido común e todos os recursos legais existentes, foi a petición xeral dos docentes e directores dos centros educativos, quen explicaron en detalle diferentes casos cos que se atopan, lembrando que a maioría das actividades conxuntas ou intercambios entre o alumnado, terminan por non celebrarse, debido aos impedimentos existentes na actualidade.  

 O obxectivo é atopar vías para simplificar a mobilidade dos menores que, no ámbito de actividades escolares (excursións, visitas, etc.) ou extraescolares (música, deporte, idiomas, etc.), precisan cruzar a fronteira unhas horas sen a presenza dos seus pais ou titores legais. Na actualidade, este trámite necesario para, por exemplo, asistir á piscina municipal de Vila Nova de Cerveira ou á escola de música de Goián (Tomiño), separadas por distancias cortas, é o mesmo que para pasar un mes en Alemaña ou calquera outro país europeo do Espazo Schengen.  

 O experto xurídico José Manuel Sobrino, salientou a participación de todas as entidades e axentes involucrados na problemática, desde os colexios e asociacións de pais e nais, considerando moi interesante a comunicación mantida durante esta segunda xuntanza e avanzando  que no prazo dun mes, aproximadamente, o informe con posibles solucións estará preparado.  

 Pola tarde a reunión continuou coas forzas de seguridade (Garda Civil, Garda Nacional Republicana e Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui-Valença do Minho) coma interlocutores, xunto a notarios e solicitadores. 

 Este xoves día 10 de outubro terá lugar a derradeira xuntanza, que será de colaboración institucional, na que participarán a Xunta de Galicia, a CCDR-N, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Direção Rexional de Educação do Norte de Portugal e a Direção Rexional do Norte de Portugal – Serviço de Estrangeiros e Fronteiras.  

MADRID

FINALIZADO O PRAZO DE INSCRICIÓN, A CASA DE GALICIA INICIA O CURSO PRESENCIAL “LINGUA E CULTURA GALEGAS”

Os solicitantes poden consultar a súa admisión


Infogauda / Madrid

 A Casa de Galicia en Madrid iniciará o mércores 16 de outubro o curso presencial de galego “Lingua e cultura galegas”, unha vez finalizado o prazo de inscrición que establecía a convocatoria, publicada na súa web (https://casadegalicia.xunta.gal/es/web/guest/home) desde o pasado 13 de setembro ata o pasado 4 de outubro. Os solicitantes de inscrición no curso poden consultar a súa admisión nel na mesma web (en “Inicio”, baixo o “Saúdo do director”, en “Eventos especiais”).  

 O curso ten 70 horas lectivas que se impartirán os mércores laborables, de outubro a xuño, de 18:30 a 20:30 horas, na sede da Casa de Galicia (rúa Casado del Alisal, 8, Madrid). O seu obxectivo é o ensino e perfeccionamento do idioma galego e tamén a transmisión de coñecementos básicos de historia, arte, literatura e cuestións de sociolingüística no ámbito galego, coa finalidade de achegar habilidades comunicativas na lingua galega, tanto na expresión e comprensión oral como escrita, cun nivel de competencia que permita satisfacer as necesidades de comunicación máis elementais. Os obxectivos e as unidades didácticas da programación para este nivel (A2) seguen as directrices do “Marco común europeo de referencia para as linguas”.  

 Este curso é posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Secretaría Xeral da Presidencia para “a realización de actividades de formación en lingua galega na Casa de Galicia en Madrid”.

DESPORTOS

SUB16 – CRAV CAMPEÃO NACIONAL 2018/2019 (SÉRIE B)

A Câmara Municipal de Arcos de Valdevez felicita a equipa por este feito



 María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Realizou-se no Campo de Rugby da Moita – Anadia, dia 5 de outubro, a final referente à época 2018/2019 do campeonato nacional de Sub 16, tendo o CRAV conquistado o troféu ao bater a equipa conjunta do Sporting Clube de Portugal/Belas por 18-12. 

 Um início de jogo muito equilibrado por ambas as equipas, com muita pressão, tendo o CRAV inaugurado o marcador com um ensaio, mas rapidamente o SCP/Belas reduziu a vantagem, saindo para intervalo a vencer por 12-8. 

 No segundo tempo, o jogo continuou equilibrado, contudo, decorrido pouco tempo o CRAV viria a reverter o marcador com a marcação de mais um ensaio e transformação. O CRAV mantinha-se forte e determinado, conquistando uma penalidade, colocando o resultado favorável em 18-12. Já perto da final a equipa adversária tentou ainda inverter o marcador, mas o CRAV continuou muito consistente na defesa, não possibilitando qualquer reação de ataque. 

 Os sub 16 culminaram, assim, numa excelente época, com bastante dedicação e empenho, em que o sacrifício foi recompensado com a obtenção do título de campeão nacional. 

 A Câmara Municipal de Arcos de valdevez felicita a equipa por este feito e deseja ao Clube os maiores sucessos na próxima época.

SANIDADE

A compra do Hospital POVISA pola Corporación Centene centrará a avalización da Plataforma en defensa da Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo

Este xoves 10 de outubro ás 17:30, no local da FAVEC de Vigo



  
 Manuel G. Moreira / Vigo

 A reunión da Plataforma en defensa da Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo, SOS Sanidade Pública de Vigo, se reunirá o xoves 10 de outubro ás 17:30, no local da FAVEC de Vigo para facer unha avaliación da situación creada pola compra do Hospital POVISA pola Corporación Centene e da súa repercusión na asistencia sanitaria da nosa área sanitaria. 

 Para ter a máxima información posible e tentar que as decisións que se tomen conten co máximo respaldo, participarán nesta convocatoria representantes do Comité de empresa de POVISA e tamén representantes dos grupos políticos presentes no parlamento galego, ademais das asociacións, colectivos e organizacións que formamos parte de SOS Sanidade Pública.

LABORAL

A CIG convoca concentracións en defensa do dereito de folga e de mobilización coincidindo cos xuízos a varios/as compañeiros/as 

Terán lugar diante dos xulgados de Vigo no marco da campaña contra a represión sindical

O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril - 2º pola esquerda -, compareceu hoxe en rolda de prensa en Vigo xunto aos secretarios comarcais de Vigo, Alberto Gonçalves - 3º pola esq.-, e da FGAMT, Suso García, e a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández
Foto: CIG


Infogauda / Vigo

 A CIG anunciou hoxe a convocatoria de concentracións en defensa do dereito de folga e mobilización coincidindo cos xuízos contra varios/as compañeiros/as aos que se lles piden penas de prisión e multas e que se celebran en Vigo os vindeiros días 15, 28, 29 e 30 de outubro. As protestas solidarias desenvolveranse no marco da campaña contra a represión sindical posta en marcha pola central baixo o lema 'Non hai represión que parte a loita obreira' e que terá o seu epicentro no xuízo ao que se enfronta o ex secretario comarcal de Ferrol Xesús Anxo López Pintos.

  O propio secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, compareceu hoxe en rolda de prensa en Vigo xunto aos secretarios comarcais de Vigo, Alberto Gonçalves, e da FGAMT, Suso García, e a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, para ofrecer os detalles das mobilizacións.  

 Carril lembrou que esta campaña en defensa das liberdades democráticas e fundamentais baséase en esixir a anulación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. “Entendemos que temos que saír á rúa a defender a mobilización e a folga, que son as principais ferramentas que temos a clase traballadora para defender os nosos dereitos, para evitar que nos golpee a dureza destas políticas económicas e laborais impostas coa escusa da crise polo Goberno do PP”.  

 O máximo responsábel da CIG sinalou que na resposta social que a central organiza contra esta situación “atopámonos co intento de utilizar tanto o sistema xudicial como os instrumentos que ten a Delegación do Goberno para intentar silenciar esta resposta e impoñer un determinado relato da realidade; non pode ser, por iso dicimos que estamos no mundo ao revés, que os castigados/as pola crise e as duras políticas laborais sexan perseguidos/as pola xustiza, mentres os culpábeis son presentados como vítimas”.  

 Ao mesmo tempo, censurou que sexa sempre o PP o que fai o posíbel non só por reprimir e criminalizar a resposta social, “senón tamén por utilizar os resortes que ten na súa man para asañarse nesta estratexia de empobrecer a clase traballadora, vulnerar os nosos dereitos e cencenar a capacidade de poder exercer liberdades democráticas e fundamentais como neste caso o dereito á folga”. 

 Neste senso, amosou a súa preocupación polo feito de que conflitos laborais que sucederon hai anos estean hoxe de actualidade en sede xudicial, “sobre todo cando estamos en vésperas do anuncio dunha nova recesión económica e permanecemos aínda baixo unha agresiva reforma laboral, e cando nos atopamos nunha profunda crise industrial tanto no norte como no sur do país”.  

Someter a maioría social  

 Diante disto, lamentou que non sexan os culpábeis da privatización dos servizos públicos nin os responsábeis empresariais e das administracións que permitiron “o desfalco e o terrorismo patronal” os que teñen que dar conta diante da xustiza.  

 Censurou que nos informes da Fiscalía se faga “unha lectura arrepiante que rezouma unha posición moi reaccionaria, xa que se relaciona a folga cos actos vandálicos e de boicot, impedindo o exercicio normal da actividade laboral, cando isto é precisamente o sentido das folgas”. Ademais, denunciou que se constrúa un relato para enfocalo cara a un delito de coaccións, “o que supón unha perversión absoluta da lexislación para converter as vítimas en culpábeis”.  

 Finalmente, rexeitou o intento de someter a maioría social utilizando o sistema xudicial “a través de montaxes como son este tipo de xuízos” e aplicando o artigo 315.3 do Código Penal. “Non nos amedrentarán nin con isto nin coa aplicación da Lei Mordaza por parte do PSOE a través da Delegación e das Subdelegacións do Goberno, porque como di o lema da campaña, non hai represión que pare a loita obreira”.

Resposta do capital  

 O primeiro dos xuízos, no que se acusa a Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, de facer unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias, terá lugar este martes 15 ás 11:45 horas. A CIG convocou unha concentración de apoio diante do edificio xudicial ás 10:30 horas.  

 O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo explicou que “levabamos dous anos negociando o convenio, aínda que na práctica non había negociacións, xa que as xuntanzas eran cada tres ou catro meses. Entón a CIG comezou a convocar mobilizacións, “e nunha delas apareceu unha pintada en Baiona e acusan o compañeiro de facela”.  

 Isto foi no mes de febreiro, e en maio asinouse o convenio, “polo que está claro que este tipo de represión á que o capital nos quere acostumar é para amedrentarnos e que non reclamemos os nosos dereitos”. Segundo Suso García, o sector levaba dous anos paralizado sen case negociacións, e curiosamente cando a CIG comeza as mobilizacións prodúcense avances e resultados positivos para a clase obreira.  

 “Isto o capital non o pode consentir, polo que agora veñen con este tipo de cousas, como neste caso intentar condenar a alguén acusándoo de facer unha pintada”. A maiores, lembrou, tanto Carlos como Xavier Aboi, tamén foron multados por participar nunha concentración en Baiona. “Están a atracarnos por todos lados, denunciou.  

Penas de prisión  

 Pola súa banda, a secretaria nacional da CIG-Servizo explicou que o segundo dos xuízos ten que ver co conflito na cafetaría do Meixoeiro. En 2010 a empresa Oh Vigo fíxose coa súa xestión por adxudicación a dedo do administrador concursal de Maconsi, a anterior empresa concesionaria, xa que non se fixo nin un prego de condicións.  

 “Cando se fai coa xestión tivo que subrogar o persoal, comezando a partir de aí o calvario para os traballadores/as: impago de salarios, ERE, revogación do delegado de persoal da CIG. etc”. Entón a central decide convocar mobilizacións e folga, e mesmo unha acampada diante da cafetaría para reclamar que abonasen os salarios. 

 Transi Fernández sinala que o propietario da empresa, Javier Valverde, “que para nós é un terrorista patronal”, mantén importantes débedas. En 2015 a CIG unha denuncia na Fiscalía pola mala xestión do Sergas con esta contrata, xa que nese ano a empresa lle debía ao hospital o canon de máis de 117.000 euros por impago dos recibos de xullo, agosto, setembro, outubro e novembro; a Facenda debíalle máis de 43.000 euros; e á Seguridade Social máis de 73.000 euros. A Facenda da Xunta debíalle tamén 6000 euros, e aos provedores arredor de 71.000. Ademais, tiña que asumir o canon de cando se construíu a cafetaría, que ascende a máis de 750.000 euros.  

 “Nós puxemos todo isto en coñecemento do Sergas, da Fiscalía e da propia conselleira de Sanidade, que daquela era Rocío Mosquera, que nunca nos quixo recibir”. E ao mesmo tempo a central seguiu facendo reclamacións de salarios. Neste tempo prodúcese a revogación do delegado de persoal, da CIG, utilizando traballadores/as doutros centros de traballo que o empresario xestionaba e que pechan como consecuencia das débedas. “Presentamos denuncia no xulgado e gañamos, polo que o compañeiro volve a ser o delegado de persoal, pero seguen os impagos e as mobilizacións, e logramos gañar o xuízo para rescindir os contratos”.

 Entón o empresario ten que depositar no Xulgado do Social unha cantidades importantes para facer fronte ás indemnizacións, pero a día de hoxe segue a ingresar como moito 300 euros ao mes, polo que os traballadores/as cobran aos poucos. “Diante desta falta de liquidez, decide ir ao xulgado de Instrución e presenta denuncias falsas contra todos/as os traballadores/as que rescindiran o seu contrato. Acúsaos de coaccións e di que está mal psicoloxicamente pola súa culpa e que tivo que gastar moitos cartos na súa saúde”.  

 O problema -lamenta Fernández- é que o xuíz faille caso e pasa o tema ao Penal, polo que nestes momentos temos os traballadores/as imputados/as que terán que enfrontarse a un macroxuízo como consecuencia dun conflito laboral que foi xudicializado.  

 “Pídenlles penas de entre 10 meses e case catro anos de cadea (dous anos por coacción, dous anos por pintadas, etc.) e unha multa que ascende en total a case 800.000 euros, polo que temos que mobilizarnos contra esta barbaridade para evitar que un empresario se aproveite dos traballadores/as e se beneficie economicamente solicitando unha indemnización aducindo que ten problemas de saúde por culpa destes/as traballadores/as.”