29 de set. de 2026

CAMINHA

Caminha incumpre o prazo para recuperar a conexión fluvial con A Guarda 


Esa imaxe - a do transbordador Santa Rita de Cássia, navegando entre Caminha e A Pasaxe (Camposancos) - quedou para é lembranza dun tempo no que as comunicacións por vía fluvial entre Caminha e A Guarda, eran bastante mellores que actualmente
Foto: Infogauda

Infogauda/Caminha 

 A embarcación anunciada polo Concello de Caminha para recuperar provisionalmente a conexión fluvial con A Guarda segue sen entrar en servizo e, polo de agora, tampouco hai unha nova data para o inicio da travesía.  A cuestión foi formulada polo deputado municipal socialista Carlos Carrilho na última Asemblea Municipal de Caminha. O edil lembrou que a alcaldesa anunciara en decembro de 2025 que a conexión estaría operativa en xuño de 2026, compromiso que posteriormente fora reiterado. Carrilho cuestionou ao executivo sobre as razóns do incumprimento e preguntou cando estaría finalmente dispoñible a embarcación.

 Na súa resposta, a presidenta da Câmara recoñeceu o atraso e explicou que o proceso se viu condicionado por diversos procedementos e esixencias. Entre eles figuran un estudo sobre a calidade das areas que deben ser retiradas para garantir a navegabilidade, os orzamentos necesarios para retirar o actual pontón de ferro e instalar novos equipamentos, así como a coordinación con distintas entidades e organismos.  A autarca admitiu que «o tempo foi pasando», pero asegurou que os procedementos están agora en marcha. Con todo, descartou fixar unha nova data concreta para o inicio da conexión fluvial e limitouse a expresar a súa «esperanza» e «fe» en que os trámites poidan avanzar con maior rapidez.

 Así, a recuperación provisional da travesía entre Caminha e A Guarda continúa sen calendario definido, á espera de que se resolvan as cuestións relacionadas coa navegabilidade, o pontón e a retirada das areas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario