O III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo reuniu en A Guarda máis de 50 profesionais de España e Portugal
• O encontro, organizado por AGAN+ xunto coas redes CIFT e CCF, abordou a planificación, comercialización e financiamento do turismo fluvial e presentou en primicia o Plan Estratéxico de Turismo Fluvial de Galicia
Infogauda/A Guarda
A Guarda acolleu os días 29 e 30 de setembro o III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, unha cita que reuniu máis de medio cento de profesionais, con preto de 40 participantes presenciais e unha decena de asistentes conectados en liña, para analizar os retos e oportunidades do turismo fluvial no espazo fronteirizo entre España e Portugal.
Organizado por AGAN+ (Asociación Galega de Actividades Náuticas), xunto coa Rede CIFT e a Rede CCF, o encontro contou co patrocinio da Deputación de Pontevedra e coa colaboración do Concello da Guarda, e consolidouse como un punto de encontro para administracións, empresas, operadores náuticos e xestores de destinos vinculados ao desenvolvemento do turismo fluvial.
A planificación do turismo fluvial, no centro do encontro
O programa abriu coa benvida institucional do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, como anfitrión da sede, acompañado por representantes de AGAN+, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia, do CIM Alto Minho e da Secretaría de Estado de Turismo.
Neste último caso, María Monje repasou diferentes exemplos de proxectos de turismo fluvial financiados a través do programa Experiencias Turísticas España, poñendo de relevo as posibilidades de cooperación e financiamento neste ámbito.
Un dos momentos destacados da primeira xornada foi a presentación, en primicia, do Plan Estratéxico de Turismo Fluvial de Galicia, elaborado por AGAN+. O documento sitúa como unha das súas pezas centrais o Plan Director de Turismo Fluvial para o Gran Destino Río Miño-Sil, co obxectivo de establecer unha folla de ruta para o desenvolvemento desta actividade turística.
A continuación, Romina Fernández Pena, de Turismo Rías Baixas, presentou a situación do turismo fluvial na provincia de Pontevedra, mentres que Luís Ulloa, técnico de proxectos da AECT Río Miño, deu a coñecer o programa Vive o Río Miño ao Máximo, desenvolvido no marco do proxecto Visit Rio Minho+.
Na súa última edición, esta iniciativa contou coa participación de 14 operadores náuticos transfronteirizos, que realizaron preto de 30 saídas náuticas, con case 300 participantes.
O bloque de planificación completouse coa intervención de Emanuela Cozzoni, do Clúster Marítimo Marino de Andalucía, que presentou o traballo da Rede CIFT e a experiencia do destino Guadiana Internacional.
Experiencias de cooperación nos grandes ríos ibéricos
O programa abordou tamén diferentes experiencias desenvolvidas nos principais cursos fluviais da Península Ibérica no marco das redes CCF e CIFT.
Así, José Rodríguez, do CIM Alto Minho, presentou os traballos desenvolvidos no río Lima; Daniel Brase, de PIMEC, abordou a experiencia das Terres de l'Ebre; e Juan Manuel Sánchez, de GEOCYL, expuxo o traballo desenvolvido no río Ebro en Aragón.
Tamén se analizaron as experiencias vinculadas ao Duero, en Soria, Burgos e no seu tramo transfronteirizo, da man de Carlos Jesús Rivas, de AIRMD, e ao Tajo, en Extremadura e no seu tramo internacional, presentado por Jesús Bravo, do Clúster de Turismo de Extremadura.
O bloque pechouse coa presentación do proxecto Turembalses, a cargo de Paloma García Cerro, da Deputación de Cáceres.
Empresas e administracións comparten solucións para o turismo fluvial
O encontro incorporou ademais un espazo de exhibición destinado ás empresas provedoras de solucións para o turismo fluvial. A feira permitiu coñecer propostas relacionadas con embarcacións eléctricas, construción naval, equipamento de pantaláns, motores eléctricos e outros servizos náuticos.
As empresas participantes presentaron as súas solucións ante representantes das administracións públicas, operadores e xestores de destinos de España e Portugal, favorecendo o intercambio directo entre o tecido empresarial e os diferentes axentes implicados no desenvolvemento do sector.
Durante a tarde celebrouse tamén unha sesión de traballo centrada nos obstáculos e solucións para o turismo fluvial, na que se animou ás empresas provedoras a participar na enquisa do estudo ibérico actualmente en desenvolvemento. As súas achegas formarán parte das conclusións finais deste traballo.
A perspectiva dos xeodestinos e a importancia da cooperación
A programación incluíu igualmente a visión dos xeodestinos sobre o desenvolvemento do turismo fluvial, achegada pola xerente e a técnica do GDR Terras de Compostela, que analizaron as oportunidades que ofrece esta actividade desde a perspectiva da xestión turística territorial.
Na primeira xornada estivo presente tamén Natalia Botana Rey, presidenta de Portos de Galicia, que acompañou o desenvolvemento dos traballos durante toda a sesión.
Comercialización e financiamento, claves para o futuro do sector
A segunda xornada centrouse na comercialización e nas posibilidades de financiamento do turismo fluvial.
Rafael Pintado, tesoureiro do Clúster de Turismo de Extremadura, presentou o modelo de comercialización dos cruceiros fluviais transfronteirizos desenvolvido no marco do proxecto Rede CIFT.
Pola súa banda, Paulo, de Turismo de Porto e Norte de Portugal, expuxo a estratexia nacional portuguesa nesta materia, mentres que Joel Pereira, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, abordou as diferentes vías de financiamento dispoñibles para proxectos empresariais vinculados ao turismo fluvial.
O encontro rematou coa presentación das principais conclusións, a cargo de Elena Fernández, técnica de proxectos de AGAN+.
A meteoroloxía obriga a aprazar as primeiras saídas náuticas
As condicións meteorolóxicas adversas impediron realizar as saídas náuticas previstas durante a primeira xornada. Porén, o mércores, 30 de setembro foi posible recuperar a actividade, con dúas saídas pola tarde a bordo da embarcación híbrida Xacobeo Transfer.
Na segunda das saídas realizouse, ademais, unha proba piloto de audioguías da empresa Buguina Turismo, unha experiencia orientada a ampliar os recursos de interpretación e divulgación asociados ás rutas fluviais.
As travesías contaron coa participación de veciños da Guarda e de turistas franceses, que puideron coñecer a paisaxe, a historia e o patrimonio da desembocadura do Miño da man do guía Hugo.
27 anos de traxectoria de AGAN+
O encontro estivo organizado por AGAN+, entidade que este ano cumpre 27 anos de traxectoria e que mantén desde 2007 unha aposta polo desenvolvemento do turismo fluvial.
AGAN+ exerce a presidencia a nivel nacional da Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais de España (Rede CCF), financiada polo programa Experiencias Turísticas España con fondos Next Generation, e é socio promotor da Rede CIFT, no marco do programa POCTEP España-Portugal.
Esta última iniciativa traballa no impulso da creación de cruceiros ibéricos fluviais transfronteirizos nos cinco grandes ríos da fachada atlántica peninsular: Miño, Limia, Douro, Texo e Guadiana.
A celebración do III Encontro Ibérico en A Guarda permitiu, así, reunir nun mesmo espazo a diferentes axentes públicos e privados para compartir experiencias, presentar proxectos e avanzar na cooperación necesaria para converter os ríos transfronteirizos nun recurso turístico articulador dos territorios de España e Portugal.


Ningún comentario:
Publicar un comentario