10 de out. de 2019

A GUARDA

Música e filatelia centran as actividades desta fin de semana na vila 

The Pretty Shirts actuará o sábado día 12 na Praza do Reló

 Infogauda / A Guarda

 O concerto do grupo The Pretty Shirts, do sábado, na Praza do Reló, e a Mostra Filatélica Exfimiño 2019, no Centro Cultural, son as principais propostas para esta fin de semana na vila. 

VENRES 11 




  Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición, está dedicada ao inmoble do Hospital Casa Asilo de A Guarda, que desde fai varios anos acolle o Centro Cultural e Social da vila.  

 Esta mostra filatélica pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural, ata o domingo, de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h.  

 Como ven sendo habitual, a mostra conta con coleccións de distintos lugares de Galicia, presentadas en distintas modalidades filatélicas (tradicional, temática, un cadro, clase aberta,...) e tamén algunha colección de numismática.   

 Este venres ás 20:00 horas terá lugar a apertura dunha estafeta temporal de Correos e ás 20:30 horas, a inauguración oficial con recepción de autoridades e presentación do cuño oficial da mostra e posta en circulación do sobre conmemorativo, contando coa intervención do historiador local Joaquín Miguel Villa Álvarez, que pronunciará unha conferencia sobre o edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda.  

SÁBADO 12 

 Continúa aberta ao público a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. Esta mostra filatélica pode visitarse na Sala de Exposicións do Centro Cultural ata o domingo día 13 de outubro, de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h. 



 Por outra banda, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha o proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’. Unha iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, que busca crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.   

 Trátase - segundo os organizadores - de dinamizar e ofrecer á poboación e peregrinos, experiencias positivas e desestacionalizadas naqueles concellos do noso territorio polos que pasa o Camiño de Santiago.  

 Ao abeiro do programa ‘Música e Viño no Teu Camiño’, na xornada deste sábado día 12 de outubro, ás 20:30h na Praza do Reló, o grupo local The Pretty Shirts Rock&Roll Band ofrecerá un concerto musical.   

 O evento, que terá lugar ao aire libre e totalmente gratuíto, será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños da D. O. Rías Baixas subzona do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. 

 Contarase coa presenza e participación das seguintes adegas: Quinta de Couselo, Adega do Vimbio, Altos de Torona e Terras Gauda.   

DOMINGO 13 

 O domingo ainda continúa aberta no Centro Cultural da vila a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.

 Poderase visitar de 11:00 a 14:00h e de 17:00 a 20:00h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario