10 de out. de 2019

O BAIXO MIÑO

O AECT RIO MINHO PARTICIPA EN BRUXELAS NA SEMANA EUROPEA DAS REXIÓNS E DAS CIDADES   

O encontro, que reuniu a 9.000 expertos e expertas de todo o continente, é unha das ‘citas clave’ da política rexional europea   

Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho
Fotos: D. PO.

 Infogauda / O Baixo Miño

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, asistiu á decimo sétima edición da ‘European Week of Regions and Cities’ que se celebrou en Bruxelas do 7 ao 10 outubro, onde estivo acompañado polo secretariado técnico do agrupamento galego-portugués Rio Minho. Segundo explicou o deputado provincial, este encontro anual “é a cita máis importante da Política Rexional da Unión Europea.  


O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez - na imaxe, 2º pola dereita -, e os membros do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios


 A Semana Europea das Rexións e as Cidades é un evento que se celebra cada ano na capital europea e que ao longo de catro días ofrece ao funcionariado das administracións rexionais e locais, expertos e expertas e representantes do mundo académico a posibilidade de compartir boas prácticas e coñecemento especializado en desenvolvemento rexional e urbano sendo omaior evento público europeo deste tipo. Preto de 9.000 asistentes de todo o continente déronse cita nesta edición para participar nun programa composto por aproximadamente 100 sesións de traballo, exposicións e eventos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.   

 O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, e os membros do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios, dos que Benítez destacou a especial relevancia dun sobre plurilingüismo e cooperación cultural nas rexións transfronteirizas e outro sobre obstáculos legais no contexto da cooperación. Así mesmo mantivéronse reunións paralelas con representantes de asociacións de rexións fronterizas de Europa e representantes da DG Regio, cos que aproveitaron para presentar e explicar a Estratexia  do Rio Minho 2030 e todo o proceso de elaboración da mesma.  

 O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 24 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socia. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario