9 de out. de 2019

MADRID

FINALIZADO O PRAZO DE INSCRICIÓN, A CASA DE GALICIA INICIA O CURSO PRESENCIAL “LINGUA E CULTURA GALEGAS”

Os solicitantes poden consultar a súa admisión


Infogauda / Madrid

 A Casa de Galicia en Madrid iniciará o mércores 16 de outubro o curso presencial de galego “Lingua e cultura galegas”, unha vez finalizado o prazo de inscrición que establecía a convocatoria, publicada na súa web (https://casadegalicia.xunta.gal/es/web/guest/home) desde o pasado 13 de setembro ata o pasado 4 de outubro. Os solicitantes de inscrición no curso poden consultar a súa admisión nel na mesma web (en “Inicio”, baixo o “Saúdo do director”, en “Eventos especiais”).  

 O curso ten 70 horas lectivas que se impartirán os mércores laborables, de outubro a xuño, de 18:30 a 20:30 horas, na sede da Casa de Galicia (rúa Casado del Alisal, 8, Madrid). O seu obxectivo é o ensino e perfeccionamento do idioma galego e tamén a transmisión de coñecementos básicos de historia, arte, literatura e cuestións de sociolingüística no ámbito galego, coa finalidade de achegar habilidades comunicativas na lingua galega, tanto na expresión e comprensión oral como escrita, cun nivel de competencia que permita satisfacer as necesidades de comunicación máis elementais. Os obxectivos e as unidades didácticas da programación para este nivel (A2) seguen as directrices do “Marco común europeo de referencia para as linguas”.  

 Este curso é posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Secretaría Xeral da Presidencia para “a realización de actividades de formación en lingua galega na Casa de Galicia en Madrid”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario