A meirande feira ecolóxica de Galicia
2 e 3 de outubro en Arzúa
Jéssica Beiroa / Arzúa
Feiractiva é un espazo vivo. Produtos ecolóxicos, mediciñas alternativas, solucións de comercio xusto para atallar as prácticas de consumo prexudiciais coa Terra… Así até perto de 50 propostas volveranse a dar cita en Arzúa para amosarse, para que o público as vexa, as identifique, as poida catar, adquirir e incorporar á súa vida diaria.
Ademais de poder mercar produtos e/ou servizos ecolóxicos, sostibles e a prol da biodiversidade, diversas demostracións en directo da elaboración dos mesmos darán conta das posibilidades que ofrece esta alternativa ás propostas que manexamos habitualmente, ben sexa en coidado e saúde do corpo, en materia alimentaria ou de relación mesma coa contorna.
Outras relacións comerciais, de sanación, do vestido e calzado e de alimentación son posibles e na Feiractiva terás acceso a elas. Profesionais, artesáns, persoas con experiencia e con anos de formación ás costas poranas ao teu alcance na maior Feira ecolóxica de Galicia.
Xunto con isto, nesta proposta teñen un papel crucial as persoas que, dous días ao mes durante moitos anos, levan dinamizando o comercio de produtos locais da horta e da casa en Arzúa. Son as que participan nas feiras do 8 e do 22 e que teñen o seu espazo na Feiractiva porque esta feira é unha mestura de saberes e procederes arredor do consumo para a alimentación, o vestido, o adubío e a vida en xeral.
Ademais, e dado que a produción tradicional ten moito a ver co respecto á naturaza, os ciclos naturais, a sostibilidade… etc, conceptos básicos que coinciden ao cento por cen coa filosofía coa que naceu a Feira ecolóxica de Arzúa, é de recibo que participen dela.
A coidada selección de expositores/as para que as propostas coas que o público se atope sexan variadas e novedosas, a vontade de manter un equilibrio entre as demais actividades da Feira (teatro, música, exposicións, conferencias…) e o carácter familiar e aberto da mesma fan deste encontro unha cita a non perder no outono galego, ademais de constituíren o único festival ecoloxista do país.
SECCIÓNS
A. Feiractiva
Abre de novo as súas portas o maior mercado verde de Galicia no que perto de 50 expositores amosarán os seus produtos, traballos... Nela congregaranse produtores ecolóxicos, comercio xusto e ecoturismo, medicinas alternativas, artesanías... Ambos os dous días en horario de mañá e tarde.
B. Formaterra:
Actividades formativas en terapias alternativas, tales coma ioga, arteterapia, relaxación, reiki e coñecemento persoal, entre outras.
Ademais destes que se veñen de nomear, dentro da Feira Ecolóxica de Arzúa realizaranse outros obradoiros gratuítos, tales como o de cociña vegana, a cargo da asociación Caleidoskopio, ou o de regueifas e instrumentos tradicionais, impartidos por membros de Regueifa e Alg-@ e Os Alegres, respectivamente, dos que a organización irá dando conta por diversos medios.
C. Música:
Sección musical cunha programación comprometida coas tendencias musicais máis comprometidas coa contorna e más respectuosas coa biodiversidade cultural do país.
D. Teatro:
Espectáculos de diferentes modalidades escénicas que teñen como nexo de unión o medio ambiente e a ecoloxía.
E. Altofalante:
Conferencias, exposicións, documentais, encontros... unha diversidade de actividades neste espazo para a denuncia e aberto á participación.
F. Programación Infantil:
Durante toda a fin de semana, as e os nenos poderán gozar cos xogos tradicionais, con outros feitos a partir de materiais reciclados a cargo de Guixot de 8, con teatro especialmente pensado para eles, cos contacontos, a ciclobiblioteca, e os libros de Anxo Moure...
G. Xantar popular:
O domingo, a partir das 14:30 terá lugar unha fermosa romería-serán con empanada, polbo, churrasco e incluso menú vegano,... e todo acompañado polas Cantareiras de Arzúa, o grupo de gaitas de Castro Curbín e varios Regueifeiros que farán do xantar unha festa popular
A. FEIR@CTIVA
Medio centenar de expositores amosarán e venderán os seus produtos e traballos neste espazo de carácter activo e dinámico que, a maiores da divulgación e da venda, acollerá ao longo de toda a fin de semana actividades a cargo dos/as expositores/as que perseguen a participación e a implicación activa do público.
O recinto feiral de Arzúa converterase nun lugar idóneo para o encontro e intercambio de produtos, ideas, experiencias..., etc, no que se congregarán produtores biolóxicos, ecolóxicos, tendas e empresas ecolóxicas, artesáns, medicinas alternativas...
Lugar: Recinto Feiral sito na Rúa Padre Pardo s/n.
Días: sábado 2 e domingo 3 de outubro
Horario: de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.30. sábado
Horario: de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. domingo
Mercado verde: exporanse e comercializaranse unha diversidade de produtos biolóxicos, ecolóxicos e alternativos, que supoñen unha opción alternativa ao modelo de consumo nocivo sobre o contorno natural e social.
Área solidaridade - movementos sociais: diversos colectivos sociais galegos que traballan no ámbito da acción social e o compromiso coa cultura e a biodiversidade darán a coñecer a súa actividade nos roteiros da cooperación ao desenvolvemento, o comercio xusto, a ecoloxía, a autoxestión... a os/as visitantes da feira.
Terapias alternativas + Artesanía: sete obradoiros formativos en terapias alternativas e diversos postos de artesanía completan a proposta da Feira. Deste xeito, o Formaterra e a posibilidade de adquirir os produtos feitos do xeito máis artesanal están presentes un ano máis neste encontro arzuano.
Demostracións + degustacións: o público da feira poderá gozar ao longo da fin de semana de actividades como demostracións de terapias alternativas á medicina convencional (naturopatía,...), oficios artesanais e degustacións de produtos ecolóxicos e artesanais (viños, queixo, confituras, licores...)
Todas as demostracións e degustacións estarán guiadas por expertos que participan en Terractiva.
Aproveitando a celebración de Terractiva, O Centro do Queixo e do Mel súmase a esta iniciativa abrindo as súas portas e dándonos a oportunidade de coñecer a cooperativa Erica Mel que organizará visitas ás súas instalacións en diversos horarios durante toda a fin de semana. Os interesados que acudan a esta cita co mundo da apicultura e do mel, descubrirán entre outras cousas o funcionamento e organización da cooperativa dende dentro, como son os nosos socios e socias, os meles que producen nas diferentes partes de Galicia ou o proceso de selección e control de calidade dos nosos meles. Pero non todo será ver e escoitar, tamén hai que saborear, así que non faltará unha completa degustación de meles. E para rematar cada participante poderá escoller o mel que mais lle guste para envasar o seu propio bote de mel.