29 de nov. de 2026

OPINIÓN

SOBREDO, LUGAR DE RESISTENCIA 




Helena Pousa Ortega

 O verso de Celso Emilio Ferreiro, chove, chove na casa do probe sérvenos para entender mellor o significado da chuvia intensa que case sempre nos acompaña no acto homenaxe aos mártires de Sobredo. Ese forte chaparrón non impediu a celebración do acto porque, como dixo Marga do Val, a presidenta do IEAMSo, a chuvia serve para nutrir a terra, a terra que reclamaban en Sobredo os labregos. 

 Sobredo é, tal como o seu nome indica, un lugar alto, un outeiro costento desde o que se divisa dun lado o Val da Louriña e doutro o Val do Miño. Alí vivía unha familia de labregos á que reclamaban as rendas dos foros uns fidalgos de Tui. Eses foros eran contratos agrarios de longa duración que pexaban a economía das casas labregas. Contra eles andaban a loitar en toda Galicia. En Tui, en Sobredo, ao igual ca noutros lugares como en Sofán (Carballo), con catro mulleres labregas mortas, ou en Nebra (Porto do Son) onde morreron 5 persoas, foron sentíndose os berros A  Terra para quen a traballa! e as reclamacións contra o pago desas rendas anuais ao que os obrigaba este tipo de contrato obsoleto. O que reclamaba o campesiñado era o pleno dereito á terra que levaban séculos traballando. Conseguírono a medias en 1926 cun decreto-lei de redención forzosa dos foros, o que supuxo a fin dun sistema compartido, moi mal compartido da terra traballada.


  Marcha cívica ata o monumento aos Mártires de Sobredo
Fotos: Santi Baz

 En 1922, un 28 de novembro, a veciñanza de Sobredo e doutros lugares decidiron ir en axuda daqueles labregos que ían ser desafiuzados por non quereren pagar as rendas forais, tal como se acordara no Congreso Agrario de Tui en xuño dese mesmo ano; un congreso no que participaron representantes de 124  sociedades agrarias de Galiza e no que deu un vibrante discurso Basilio Álvarez. Neste congreso os agraristas apostaron definitivamente pola abolición deste sistema medieval e pídenlle ao goberno do estado que reforme a lei dos foros.

 O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo volveu convocar coma en anos anteriores un acto homenaxe no lugar de Sobredo, onde se ergueu un monumento en homenaxe ás vítimas. Neste ano ao longo do percorrido cívico inicial ata o lugar do masacre non puideron resoar os sons d@s Folieir@s de Lavadores, o que desluciu o acto da comitiva en que van os representantes institucionais coas coroas de flores que van ser depositadas na ofrenda floral diante do monumento. 


Davide Otero e Marga do Val

 O orador convidado, Davide Otero, mestre, escritor, fundador da Asociación Galega do libro Infantil e Xuvenil, membro da Asociación de Escritores en Lingua galega, presidente da fundación Alexandre Bóveda ademais de moitos outros méritos, leu un fermoso discurso en que reclamou non dicir ‘amén’ ás narrativas históricas inventadas desde o poder e animou ao público presente a seguir militando a prol da Xustiza fronte á impunidade, porque a Xustiza non prescribe, porque as ideas non desaparecen aínda que asasinen aos nosos mártires. Tamén reclamou que a Xunta declare oficial o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, pois aos mártires non podemos dicirlles adeus.


                                                                    Monumento aos Mártires de Sobredo

 O acto rematou coa ofrenda floral diante do monumento e co Himno galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario