17 de out. de 2009

ARZÚA

TERRACTIVA ABRIU AS SÚAS PORTAS CON MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE EXPOSITORES


Infogauda / Arzúa

Terractiva, a 6ª Feira Ecolóxica de Arzúa, iniciou este sábado o seu programa na vila, que se prolongará durante toda a xornada dominical. A feira ecolóxica, Feiractiva, o corazón do festival, abriu as súas portas ás 11 da mañá, acollendo a centos de persoas que se achegaron ata o recinto interesadas en coñecer os diferentes produtos e terapias naturais que se ofrecen nos máis de 50 stands presentes na feira. Castañas, mel, queixo, plantas medicinais, así como distintas terapias altenativas e postos de artesanía déronse cita na vila arzuana. Colectivos sociais como Galiza non se vende, Panxea, Amigos da Terra ou Adega, tamén quixeron estar presentes na feira co fin de reivindicar un maior respecto polo patrimonio ambiental de Galicia.
Os asistentes tiveron a oportunidade de presenciar unha demostración de talla de madeira e miniaturas e a fabricación de instrumentos de música tradicionais, así como participar en charlas sobre enerxías limpas e terapias bioenerxéticas. O interés do público fíxose notar especialmente nos diferentes obradoiros celebrados, onde se ensinaba a realizar cociña vegana, cosmética natural, ou carteiras a base de tetrabriks, así como nas varias exposicións que se poden atopar durante toda fin de semana no recinto feiral, como a mostra sobre a pegada medioambiental en Galicia ou os 25 anos de medio ambiente con Xaquín Marín, e que se poderán visitar durante toda a xornada do domingo.
A programación teatral tamén tivo cabida neste primeiro día da feira, coa representación da obra infantil A parábola da rá, a cargo do grupo teatral Malapécora Teatro, facendo as delicias de tódolos nenos presentes no recinto feiral. Xa durante a noite o grupo Os Tres Trebóns encargáronse de poñer a nota musical da festa, co concerto ofrecido durante a noite, e que completou a animación musical do día que correu a cargo de Os Chiquilicuatres.
Recreación da malla e xantar popular
Feiractiva abrirá as súas portas novamente o domingo ás 11. O programa da mañá completarase cunha recreación da malla ás 13:00 h no campo da feira e o posterior xantar popular tamén no campo da feira ás 14:00 onde os asistentes poderán gozar de empanada, polbo churrasco pan e viño, todo elo amenizado polo grupo Os Chiquilicuatres.
Como remate da Feira, o Grupo Teatral Volta e Dalle representará ás 21:00 a obra Pan. Catro propostas arredor da malla, na planta baixa do recinto feiral, catro historias fiadas a través da danza e da música ao vivo, abordarán un tema universal: as mutacións sociais e culturais que conleva a desaparición da economía tradicional agraria.Un ano máis, Terractiva, organizadoa polo Concello de Arzúa coa financiación da Deputación da Coruña e xestionada por Coperactiva Cultural, é unha invitación ao encontro de produtores, colectivos ecoloxistas e público en xeral, co espíritu de relacionarse e aprender, convertindo a vila de Arzúa en asamblea común da xente que respete o noso entorno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario