3 de out. de 2010

ARZÚA

FEIRA ECOLÓXICA


Constátase o interese pola ecoloxía na primeira xornada da sétima edición




Jéssica Beiroa / Arzúa


A esta primeira xornada da Feira Ecolóxica de Arzúa achegouse un público moi interesado nos produtos ecolóxicos e demais xeitos de entender a vida fuxindo do consumismo masivo e abusivo co Planeta. Foron moitas as persoas que se dirixon ao stand da organización preguntando por actividades concretas dando paso cada vez a un visitante cada vez máis especializado.

Nas preto de 1500 persoas que pasaron polo centro multiusos Terra do Queixo non se pode esquecer a participación de público familiar chegado da bisbarra arzuana, un dos grandes sectores de visitantes desta programación todos os anos. Esta diversidade é a que o festival procura, achegando un outro xeito de entender a relación coa contorna.


O éxito de participación foi un dato tamén moi valorado polo alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso, que visitou a feira en dúas ocasións. Ademais, o rexedor arzuán destacou a participación das e dos veciños da vila nesta Feira e valorou “moi positivamente” a primeira xornada. O alcalde tamén expresou o desexo de que este éxito de participación se repita mañá.

A coordinadora da Feira Ecolóxica de Arzúa, Txeli Vicente, destacou a participación nos distintos programas formativos postos en marcha durante a primeira xornada do festival
Foron varios os obradoiros os que colgaron o cartel de completo a falta de varias horas para a celebración dos mesmos. Deste xeito, “confírmase que a aposta pola formación é un valor seguro neste o único festival ecoloxista de Galicia”, afirmou a coordinadora do mesmo.

Ademais do éxito formativo, o público infantil tamén protagonizou o primeiro día da Feira, xa que, ademais dos obradoiros que se programaron para eles, foi moi numerosa a participación nos xogos que, tanto a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional como Guixot de 8, puxeron en marcha durante todo o día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario