31 de ago. de 2026

TOMIÑO

Tebra abre as portas á súa memoria a través das palabras de Suso Vila  

  Tomiño presenta o libro ‘Os castelos de Tebra. Microhistorias dun val transfronteirizo’, unha obra editada polo Concello que percorre a riqueza histórica e patrimonial da parroquia  

  Será en plena semana de festas este xoves, 3 de setembro ás 21.30 h na praza de Santa María de Tebra  




Infogauda/Tomiño

 Tebra non se entende só a través das pedras da súa torre, senón tamén das vidas, conflitos, alianzas e historias que durante séculos foron dando forma ao seu territorio. Tomiño presenta este xoves 3 de setembro, ás 21.30 horas, na praza de Santa María de Tebra, o libro ‘Os castelos de Tebra. Microhistorias dun val transfronteirizo’, escrito por Suso Vila e editado polo propio Concello. 

 A presentación, de balde e aberta a toda a veciñanza, celebrarase ademais nun momento especialmente significativo, coincidindo coa semana das festas grandes de Santa María de Tebra e levando a historia da parroquia ao propio lugar no que naceu. 

 A publicación reúne dezaseis microhistorias que permiten achegarse a Tebra desde perspectivas diferentes e descubrir un territorio cunha identidade marcada pola súa condición baixomiñota e transfronteiriza. A través dunha intensa labor de investigación, Suso Vila recupera episodios, personaxes e aspectos pouco coñecidos do patrimonio local para construír un relato próximo e divulgativo sobre un val no que historia, paisaxe e memoria están profundamente entrelazadas. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “este libro permítenos mirar Tebra con outros ollos e comprender que detrás dun patrimonio tan recoñecible como a súa torre hai séculos de historias, relacións humanas e vínculos a ambos lados do Miño. Editalo desde o Concello é tamén unha forma de conservar e devolverlle á veciñanza unha parte importante da súa memoria”. 

 ‘Os castelos de Tebra’ parte dunha idea central: a parroquia é un lugar atravesado por tradicións, por montes e ríos, por familias, señores e mulleres que exerceron o poder e por unha fronteira que, máis que separar, teceu conexións transfronteirizas que caracterizaron historicamente o territorio. A obra devolve ademais o protagonismo a mulleres como María Fernandes de Meira ou Juana de Sousa, que gobernaron a fortaleza e contribuíron á súa conservación, ampliación e mellora nun contexto no que o papel feminino no exercicio do poder quedou con frecuencia fóra dos grandes relatos históricos. 

 A parte gráfica ocupa igualmente un lugar relevante na publicación, con fotografías do propio Suso Vila, Christian Villaverde e Uqui Permui, ademais de ilustracións de Marcos Santos. As imaxes e recreacións permiten evocar diferentes momentos e personaxes, reforzando o carácter divulgativo dunha obra que busca facer accesible a historia de Tebra a públicos moi diversos. 

 Coa edición de ‘Os castelos de Tebra. Microhistorias dun val transfronteirizo’, o Concello de Tomiño continúa apostando pola investigación, conservación e difusión do patrimonio local, achegando á cidadanía ferramentas para coñecer mellor a súa propia historia e fortalecer o vínculo co territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario