31 de ago. de 2026

TUI

Tui oferta trece actividades dentro da programación do Setembro Xudeu  

 Haberá visitas teatralizadas e guiadas, conferencias, proxección de películas,…, para difundir o patrimonio xudeu tudense 


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, presentaron esta mañá este amplo programa de actividades
Foto:CT


Infogauda/Tui

 Un total de trece actividades conforman a programación do Setembro Xudeu que se vai desenvolver do 3 ao 27 de setembro baixo a organización do Concello de Tui.    

 Baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui” desenvolveran visitas guiadas, visitas teatralizadas, exposicións, conferencias, música, proxección de películas para difundir o patrimonio xudeu que atesoura a cidade.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, presentaron esta mañá este amplo programa de actividades que coincide coa celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudia desde 1999, para destacar a importancia histórica do patrimonio xudeu coa firme intención de promover o diálogo, o recoñecemento e o intercambio a través de conferencias, concertos, actuacións, visitas guiadas e outras actividades que teñan lugar simultaneamente en todo o continente.  

 A concelleira Ana Núñez subliñou que este 2026, o fío condutor do día en toda Europa é o Amor — אהבה (Ahavá), que rende homenaxe a un sentimento que abrangue séculos de historia xudía en Europa. Un concepto diverso e profundo que se reflicte nas tradicións familiares, na paixón polo patrimonio e na capacidade de tender pontes con outras culturas. A través deste lema, a Red de Juderías celebra un amor que une persoas, xeracións e comunidades diversas arredor dunha mesa compartida, convidándonos a namorarnos da nosa historia compartida, das nosas raíces e do poder do diálogo.  

 Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este programa reúne diversos eventos, itinerarios e propostas destinadas a poñer en valor a historia e o patrimonio de Tui ao longo dos séculos.  

 O programa abrangue as seguintes actividades:  

Xoves 3 

• Exposición “Los sambenitos de la catedral de Tui: historia, memoria e infamia” 

Anexo Sala Municipal de Exposicións – Edificio “Francisco Sánchez”.  

Ata 30 de setembro. 

Sábado 5 

• Visita teatralizada polo patrimonio xudeu de Tui 

Inicio Oficina de Turismo – 21.30 h. 

Luns 7 

• Conferencia: "Amores e tribulacións en tempos da Inquisición: disidencia e matrimonio na comunidade cristián nova na fronteira do Miño" por Suso Vila 

Igrexa de san Domingos – 20.00 h. 

Xoves 10 

• Proxección do documental “Adio kerida” (2002) de Ruth Behar. Espazo sociocultural rúa Camilo José Cela – 20.00 h. 

En colaboración co Cine Club de Tui. 

Domingo 13 

• Visita guiada por Hugo Lage de Buguina Turismo 

Inicio Oficina de Turismo – 11.30 h. 

Xoves 17 

• Proxección da película “Lacombe Lucien” (1974) de Louis Malle. Espazo sociocultural rúa Camilo José Cela – 20.00 h. 

En colaboración co Cine Club de Tui. 

Domingo 20 

• Visita teatralizada ao patrimonio xudeu de Tui 

Inicio Oficina de Turismo – 11.30 h. 

Xoves 24 

• Presentación da novela “Las llaves de Sefarad: el misterio de un legado” de Javier Bona 

Espazo sociocultural rúa Camilo José Cela – 20.00 h. 

Sábado 26 

• Visita guiada por Sara Quintana de Vistas Guiadas Tui 

Inicio na Oficina de Turismo – 11.30 h. 

Domingo 27 

• Concerto de música medieval e sefardí polo dúo “Luparias” 

Igrexa de San Domingos – 20.00 h. 

Martes 29 

 Conferencia “Vida judía en Galicia: patrimonio y legado” por  Wanda Teplesky. 

Igrexa de San Domingos – 20.00 h. 

Durante todo o mes 

• Photocall Xornada Europea da Cultura Xudía 2026 – Amor 

Situado no exterior da Oficina de Turismo no Paseo da Corredoira 

 • Exposición bibliográfica e audiovisual 

Biblioteca de cinema “Daniel Domínguez” – Biblioteca Municipal 

 Por outra parte a concelleira Ana Núñez lembra que o Concello de Tui posúe tamén unha oferta de visita turística autoguiada para que as persoas interesadas poidan acceder ao coñecemento do patrimonio xudeu da nosa cidade histórica accesible a través de rutajudia.turismotui.mobi/rjudia01, así coma a través dos mapas “O tesouro de Salomón” dispoñibles na web municipal (GAL/ES) e na Oficina de Turismo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario