22 de ago. de 2026

A GUARDA

A música tradicional galega encheu de son e tradición o auditorio de San Bieito  


A Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda abriu o Concerto de Música Tradicional Galega

Un momento da actuación do grupo Vento Mareiro

O Grupo Do Lusco ó Fusco nunha das súas actuacións do evento
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A música tradicional galega foi a gran protagonista na tardiña deste sábado, 22 de agosto, no auditorio ao aire libre de San Bieito, en A Guarda, cun concerto que reuniu música, baile e tradición nunha velada especialmente celebrada polo público.

 Organizado pola Agrupación Musical de A Guarda, coa colaboración do Plan Culturea da Deputación de Pontevedra e do Concello de A Guarda, o Concerto de Música Tradicional Galega contou coa participación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda e dos grupos folclóricos Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco. A presentación do acto correu a cargo de Elena Baz Rodríguez.

 A velada deu comezo coa actuación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, que abriu o programa con Airiños, aires, con letra de Rosalía de Castro e música de Gustavo Freire Penelas. A continuación chegou a Muiñeira dos Pendellos, de Juan Lois Diéguez, que serviu de acompañamento á intervención do Grupo de Baile de Vento Mareiro, engadindo ao concerto o colorido e a forza expresiva da danza tradicional galega.

 O programa continuou coa interpretación de Muiñeira de Sabaxáns, unha peza popular galega recollida na parroquia de Sabaxáns, en Mondariz, nunha nova mostra da riqueza do patrimonio musical transmitido de xeración en xeración.  

 Un dos momentos singulares da primeira parte chegou con A lenda de Montelongo, obra de zarzuela do compositor vilagarcián Bernardo del Río. Nesta ocasión, a banda estivo dirixida por José Antonio Soutelo Muñoz, mentres Víctor Luis Alonso Treinta participou como gaiteiro, achegando á interpretación o inconfundible son da gaita galega.

 A continuación, o protagonismo pasou novamente ao baile coa participación do Grupo Do Lusco ó Fusco, que bailou o pasodobre Rolandito, do director e compositor galego José Oro Val, interpretado pola Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda.  

 Na súa intervención, Do Lusco ó Fusco ofreceu unha selección de pezas tradicionais, entre elas a Xota de Sabaxáns, Baixando para A Salgueira e a Xota de Rebordelo. O grupo compartiu tamén escenario coa banda para interpretar a muiñeira Os mozos de Penedo, nunha combinación de música e danza que puxo de manifesto a estreita relación entre ambas expresións da cultura popular galega.

 Na recta final do concerto, a Banda de Música interpretou a xota Santa Comba, baile e cantiga popular galega propia da zona de Sabaceda e Bazar. O programa continuou co Pasodobre da Guarda, obra de José Luis Represas Carrera estreada precisamente no mesmo recinto o 29 de abril de 2023.  

 Co programa xa concluído, os músicos agradeceron cos seus aplausos a calorosa resposta do respectable público e ofreceron un bis, poñendo o broche de ouro a unha noite na que a música e o baile tradicional galegos ocuparon o centro da escena.

 O Concerto de Música Tradicional Galega deixou así unha magnífica acollida entre a audiencia e converteu o auditorio de San Bieito nun espazo de encontro coa cultura e co patrimonio musical galego, nunha velada na que tradición, música e danza camiñaron xuntas da man da Agrupación Musical de A Guarda e dos grupos folclóricos participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario