O CONCERTO “PORQUE NON HEI DE CANTAR” DO GRUPO LAROÁ CHEGA Á GUARDA
• A cita musical, incluída no circuíto cultural Son Verán, terá lugar este xoves, 3 de setembro, ás 21:00 horas na praza do Reló e renderá homenaxe ás mulleres que contribuíron a construír a identidade, a comunidade e o futuro de Galicia
Infogauda/A Guarda
A Guarda acollerá este xoves, 3 de setembro o concerto “Porque non hei de cantar”, de Laroá, unha proposta musical que rende homenaxe ás mulleres que, ao longo das xeracións, contribuíron a construír a identidade, a comunidade e o futuro de Galicia.
O concerto terá lugar ás 21:00 horas na praza do Reló e forma parte do circuíto cultural Son Verán, da Deputación de Pontevedra.
Laroá presenta nesta proposta unha viaxe ás raíces da música tradicional galega a través das voces das mulleres que foron sustento. Mulleres que atoparon no canto e nas coplas unha forma de expresar as súas inquedanzas, falar do amor e da vida, acompañar o traballo cotián e, sobre todo, compartir e conservar unha memoria que continúa viva a través da transmisión oral.
A proposta chega á Guarda como unha oportunidade para redescubrir, a través da música, as historias e as voces de tantas mulleres galegas que forman parte da nosa memoria colectiva. Un espectáculo no que a tradición se presenta desde unha mirada contemporánea, sen perder de vista a esencia dun repertorio transmitido de xeración en xeración.
A veciñanza poderá achegarse este xoves á praza do Reló para compartir unha noite de música tradicional e descubrir esta particular homenaxe de Laroá ás mulleres que cantaron, traballaron, coidaron e mantiveron viva a cultura popular galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario