29 de ago. de 2026

A GUARDA

A Guarda viaxa ás orixes da humanidade coa exposición «Nas orixes. Arte, xénero e matemática na prehistoria»  

 Do 3 ao 18 de setembro, na Casa dos Alonso



Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Casa dos Alonso, situada na praza do Reló, 1, e sede do Concello da Guarda, acollerá do 3 ao 18 de setembro a exposición «Nas orixes. Arte, xénero e matemática na prehistoria», unha proposta que convida a realizar unha viaxe ao pasado para descubrir a presenza da arte, o xénero e o pensamento matemático nas primeiras sociedades humanas.  

 A mostra achega unha mirada interdisciplinaria á prehistoria e pretende afondar en diferentes aspectos relacionados coa evolución das comunidades humanas, poñendo o foco en tres ámbitos que permiten aproximarse ás súas formas de expresión, organización e coñecemento: a arte, o xénero e as matemáticas.

A exposición está comisariada por Francisco A. González Redondo, mentres que o labor de coordinación está ao coidado de Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez. Na iniciativa colaboran a Facultad de Educación - Centro de Formación del Profesorado da Universidad Complutense de Madrid, QRed Nomenclator, a Asociación Española para el Avance de la Ciencia e o Concello da Guarda.  

 «Nas orixes» propón afastarse dunha visión exclusivamente arqueolóxica da prehistoria para abordar tamén a capacidade das primeiras comunidades humanas para crear, contar, representar e organizar o seu mundo. A arte como forma de expresión, as cuestións relacionadas co xénero e as primeiras manifestacións do pensamento matemático constitúen os eixes dunha mostra que pretende achegar ao público unha visión máis ampla dun período fundamental da historia da humanidade.

 A proposta permitirá aos visitantes reflexionar sobre como determinadas capacidades e manifestacións que hoxe consideramos propias das sociedades desenvolvidas teñen, en realidade, raíces moi antigas. Deste xeito, a exposición convértese tamén nunha oportunidade para revisar e cuestionar algunhas das ideas tradicionais arredor da prehistoria e descubrir o importante legado das primeiras comunidades humanas.  

 A mostra poderá visitarse do 3 ao 18 de setembro na Casa dos Alonso, na praza do Reló da Guarda. Segundo a previsión inicial, o horario sería de luns a venres, aproximadamente de 9.00 a 14.00 horas, aínda que este horario está pendente de confirmación.

 Con esta exposición, a Guarda incorpora á súa programación cultural unha proposta de carácter divulgativo que une historia, ciencia, arte e educación, ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse ás orixes da humanidade desde diferentes perspectivas e descubrir que moitas das preguntas sobre quen somos e como pensamos teñen as súas raíces nun pasado moito máis afastado do que poderiamos imaxinar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario