O xadrez volve á praza do Reló coa XXV edición do Campionato de Xadrez ao aire libre
• O vindeiro xoves, 6 de agosto entre ás 16:00 e ás 20:00 horas
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
O xadrez será protagonista o vindeiro xoves, 6 de agosto, na praza do Reló, coa celebración do XXV Campionato de Xadrez ao aire libre, unha cita xa consolidada no calendario deportivo e cultural da localidade.
O evento está organizado polo Club de Xadrez Albatros e a Comisión de Festas do Monte Santa Trega, que un ano máis unen esforzos para achegar este deporte a veciños e visitantes nunha xornada aberta á participación de xogadores de todas as idades e niveis.
A competición desenvolverase entre ás 16:00 e ás 20:00 horas, nun espazo emblemático como é a praza do Reló, que acollerá taboleiros, estratexias e partidas nun ambiente pensado para gozar do xadrez ao aire libre.
A organización anima tanto a afeccionados con experiencia como a persoas que se están iniciando nesta disciplina a participar nun campionato que pretende fomentar o xogo, a convivencia e a difusión do xadrez entre públicos diversos.
O XXV Campionato de Xadrez ao aire libre conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda, entidades que apoian unha iniciativa que, tras vinte e cinco edicións, continúa reunindo deporte, tradición e participación cidadá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario