1 de ago. de 2026

A GUARDA

A Casa dos Alonso acolle unha exposición coas fotografías dos desfiles das Festas do Monte, de Luis Cadilla González  

  A mostra poderá visitarse entre o 3 e o 16 de agosto


Luis Cadilla González
Foto: Cedida por Isaac Benito Cadilla

Grupo de gaitas, e mozas ataviadas con traxes típicos galegos, nun Desfile Folclórico das Festas do Monte Santa Trega
Foto: Luis Cadilla

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Casa dos Alonso converterase, do 3 ao 16 de agosto, nun espazo para a memoria e a celebración das Festas do Monte Santa Trega coa exposición fotográfica dedicada aos desfiles destas emblemáticas festas, unha mostra da autoría do fotógrafo guardés Luis Cadilla González.

 A iniciativa, organizada pola Comisión de Festas do Monte e o Concello da Guarda, reúne unha coidada selección de imaxes que percorren diferentes edicións dos desfiles, un dos actos máis multitudinarios e representativos das festas guardesas. A través do obxectivo de Luis Cadilla, o público poderá revivir momentos cheos de cor, tradición, creatividade e participación cidadá, convertendo a fotografía nunha ferramenta para preservar a historia recente dunha das celebracións máis importantes da vila.

 As instantáneas reflicten o esforzo e a ilusión das bandas mariñeiras, a riqueza dos vestiarios tradicionais, os grupos de música tradicional - entre elas as treboadas baixomiñotas -, a espectacularidade das carrozas e o ambiente festivo que cada ano enche as rúas da Guarda, ofrecendo unha mirada artística e documental que pon en valor o patrimonio inmaterial das Festas do Monte.  

 A exposición supón tamén un recoñecemento ao traballo de Luis Cadilla González, quen ao longo dos anos soubo inmortalizar coa súa cámara numerosos momentos da vida social, cultural e festiva da Guarda, deixando un valioso legado gráfico para as xeracións presentes e futuras.

 A mostra poderá visitarse entre o 3 e o 16 de agosto na Casa dos Alonso, ofrecendo a veciños, visitantes e amantes da fotografía a oportunidade de realizar unha viaxe pola historia recente das Festas do Monte a través de imaxes que evocan emocións, recordos e o espírito dunha celebración profundamente arraigada na identidade guardesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario