31 de xul. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

Avanzan as obras no monte Torroso para crear novas infraestruturas ao servizo da veciñanza  

  Esta actuación permitirá consolidar e mellorar o aproveitamento dun espazo de grande valor, coa creación de dúas grandes explanadas que suman preto de 4.000 metros cadrados de superficie 


Vista do muro de mampostería recentemente construído no monte Torroso
Foto: CMMVeMCdeSalcidos


Ricardo Rodríguez Vicente/Salcidos

 Os traballos de mellora e acondicionamento do monte Torroso, na aba correspondente a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, continúan avanzando coa execución das obras de construción dun muro de mampostería destinado á contención de terras.  

 Esta actuación permitirá consolidar e mellorar o aproveitamento dun espazo de grande valor para a veciñanza, coa creación de dúas grandes explanadas que suman preto de 4.000 metros cadrados de superficie. Estas novas áreas estarán destinadas a múltiples usos, adaptándose ás necesidades do monte e das persoas usuarias.

 Entre os usos previstos atópanse a almacenaxe de madeira, a habilitación dunha zona de aparcamento e a disposición dun espazo polivalente que poderá acoller diferentes actividades e celebracións organizadas pola veciñanza.  

 O proxecto está sendo executado pola empresa local Vialsa, especialista neste tipo de traballos de construción e acondicionamento, garantindo unha intervención axeitada para mellorar as infraestruturas e dotar o monte Torroso de novos servizos.  

 Con esta actuación, continúase avanzando na posta en valor do monte e na creación de espazos máis funcionais, seguros e adaptados para o seu aproveitamento colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario