31 de ago. de 2026

A GUARDA

IX Baixada de Carrilanas: velocidade, creatividade e diversión nas Festas das Mercedes  


Os Picapedras, trofeo á carrilana máis orixinal
Fotos: Santiago Baz Lomba
 Balas perdidas, 1º premio na modalidade Carrilanas dobles

Cervexaría D´Bute, 1º premio en Carrilanss individuais
Os pilotos dos triciclos tamén achegaron simpatía ao evento

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A media tarde do sábado, 29 de agosto, as rúas da Guarda volveron transformarse nun improvisado circuíto de velocidade coa celebración da IX Baixada de Carrilanas das Festas das Mercedes. Un ano máis, esta singular proba reuniu participantes e numeroso público arredor dunha combinación de enxeño, habilidade e diversión que xa forma parte da programación festiva da vila.

 A competición tomou a saída na praza de Avelino Vicente, desde onde as carrilanas e triciclos se lanzaron pola rúa Concepción Arenal nun percorrido urbano que os levou ata a meta, situada na rúa do Porto. Un trazado que, ademais da velocidade, obrigou os pilotos a demostrar a súa pericia ao volante e a súa capacidade para manter o control destes particulares vehículos durante toda a baixada.  

 Foron 27 carrilanas e 5 triciclos os que participaron nesta edición, achegando á xornada unha boa dose de espectáculo e creatividade. O paso dos vehículos polas rúas da vila foi seguido con atención polo público, que non quixo perder detalle das distintas mangas e que contribuíu, coa súa presenza, a crear o ambiente festivo que caracteriza esta cita.

 A chuvia, con todo, condicionou a brillantez do desenvolvemento da proba. A pesar das condicións meteorolóxicas, a organización puido cumprir o programa previsto: unha primeira baixada de recoñecemento do circuíto e dúas baixadas cronometradas, así como unha baixada xeral conxunta. Así, participantes e espectadores puideron gozar dun espectáculo que, malia a climatoloxía, mantivo intacto o seu carácter festivo.  

 E é que a Baixada de Carrilanas é moito máis ca unha competición contra o reloxo. É tamén unha mostra de imaxinación, habilidade e participación popular, unha cita na que as rúas da Guarda se converten durante unhas horas no escenario dunha celebración diferente, capaz de atraer tanto a veciñanza como a visitantes.  

 Unha nova edición que, unha vez máis, permitiu gozar da velocidade e da creatividade das carrilanas e que consolida esta proba como unha das citas singulares das Festas das Mercedes.

 As clasificacións quedaron do seguinte xeito:  

Carrilanas    

Dobles    

Balas perdidas, 00.56.04    

Galpón pata negra, 00.57.08.    

Autos locos, 59.01    

Individuais    

Cervexaría D´Bute 1.06    

Eloy 1.06.09    

Iván 1.10.00    

Premio á carrilana máis divertida:    

Sicasios.    

Trofeo á carrilana máis orixinal:    

Os Picapedras.      

 Todos os participantes levaron medallas, bolsa conmerativa e chaveiro.  

Triciclos  

Premio ao máis divertido:   

Adrián.  

Premio ao máis espectacular:   

Xavi.

 A IX Baixada de Carrilanas estivo organizada pola Asociación Cultural e Veciñal O Percamino, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario