17 de xul. de 2026

VIGO

CIG-Servizos convoca concentración na UVigo polo despedimento de tres persoas do servizo de limpeza 

•  A protesta será o próximo luns, 20 de xullo, ás 11:30 horas, diante da Reitoría (Edificio Exeria)  


Carro de limpeza
Foto: CIG

Infogauda/Vigo  

 O pasado 10 de xullo, a empresa Brócoli S.L., concesionaria do servizo de limpeza do Lote 3 da UVigo (Campus Lagoa-Marcosende) despediu tres persoas alegando causas organizativas e económicas. Para a CIG-Servizos, esta decisión agrava os reiterados incumprimentos que a empresa está realizando dende que se fixo cargo deste servizo en agosto de 2025 con continuas modificacións substancias das condicións laborais, persecucións, acoso e presións sobre o cadro de persoal. 

 En resposta a esta decisión empresarial, a central sindical ten convocada unha asemblea de persoal para o vindeiro luns, 20 de xullo, e unha concentración posterior, a partir das 11:30 horas, diante da Reitoría da UVigo (Edificio Exeria) para reclamar a readmisión das persoas traballadoras despedidas.  

 Segundo a empresa, as causas do despedimento veñen motivadas por unha resolución da Reitoría relativa á liquidación económica, determinación do cumprimento prestacional e minoración da facturación por incumprimento da xornada horaria mínima do Lote 3. Este lote inclúe o Edificio Fundición, a Escola de Enxeñeira de Telecomunicacións, a Escola de Enxeñeira de Minas e a Escola de Enxeñeira Industrial, e no mesmo traballan un total de 23 persoas con antigüidades que van dende os dous até os seis anos. 

 Tras producírense os despedimentos, a CIG-Servizos e a representación sindical mantiveron este venres, 17 de xullo, unha xuntanza coa reitora, a xerencia e o vicerreitor económico da UVigo “para trasladarlle a preocupación por esta medida e informar á nova equipa dos posíbeis incumprimentos dos pregos administrativos por parte do Brócoli S.L., en diferentes cuestións relacionadas co servizo de limpeza, e dos indicios de irregularidades que temos detectado”.  

 A representación social fai unha valoración positiva da xuntanza mantida este venres coa equipa reitorale e CIG instou a universidade a actuar ante os posíbeis incumprimentos da empresa, realizar unha fiscalización rigorosa das xornadas laborais e dos tempos de traballo, así como “a poñer fin á situación actual xa que a UVigo é a responsábel deste servizo que teñen privatizado”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario