O Cineclub Tui e a Asociación Deportiva e Cultural Xuntanza achegan o cinema a Randufe
• Será o vindeiro venres, 31 de xullo, ás 21.00 horas, na Casa Cultural de Xuntanza
Infogauda/ Randufe (Tui)
A Casa Cultural da Asociación Deportiva e Cultural Xuntanza, en Randufe, acollerá o vindeiro venres, 31 de xullo, ás 21.00 horas, a proxección da película Minari. Historia de mi familia (2020), do director Lee Isaac Chung, nunha sesión en versión orixinal subtitulada en español (VOSE).
Esta actividade enmárcase na iniciativa impulsada polo Cineclub Tui, que continúa co seu valioso labor de promoción e difusión da cultura cinematográfica no concello, levando o cine máis alá das salas habituais para achegalo ás distintas parroquias tudenses. A Asociación Xuntanza sumouse a este proxecto, converténdose nun dos espazos que acollerán esta programación especial.
Minari. Historia de mi familia será a primeira das dúas películas seleccionadas polo Cineclub Tui para seren proxectadas na Casa Cultural de Xuntanza, nunha colaboración que busca fomentar o acceso ao cinema de calidade e crear novos espazos de encontro arredor da sétima arte.
A película relata a historia dunha familia de orixe coreana que, na década de 1980, decide trasladarse ao rural de Arkansas coa esperanza de construír unha nova vida. O filme, recoñecido internacionalmente pola súa sensibilidade e humanidade, ofrece unha emocionante reflexión sobre a familia, o esforzo, a identidade e a procura dos soños.
A sesión está organizada conxuntamente polo Cineclub Tui e a Asociación Xuntanza. A entrada terá un prezo simbólico de 2 euros, facilitando así que o maior número posible de persoas poidan gozar desta proposta cinematográfica.

Ningún comentario:
Publicar un comentario