Música do século XX para facer vibrar unha das grandes xoias do románico de Tomiño
• O ciclo Música&Románico regresará este venres, 24 de xullo, á igrexa de Santa Maria de Tebra co concerto do sexteto Medinukai Ensemble
Infogauda/Tomiño
A arquitectura do século XII da igrexa de Santa María de Tebra converterase de novo no mellor escenario para descubrir a riqueza da música de cámara. O Concello de Tomiño celebra este venres 24 de xullo, ás 20.30 horas, unha nova cita do ciclo Música&Románico, unha iniciativa que nace coa vocación de achegar a música de calidade a algúns dos templos románicos máis emblemáticos do municipio, poñendo en valor o seu extraordinario patrimonio histórico e artístico.
Nesta terceira proposta do programa este verán será a quenda de Medinukai Ensemble, un sexteto de vento madeira creado en 2023 no Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene). A formación, integrada por frauta e frautín, óboe, dous clarinetes, trompa e fagot, destaca pola súa singular combinación instrumental, que lle permite explorar unha ampla riqueza tímbrica e interpretar un repertorio pouco habitual de música de cámara do século XX.
Como salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “Música&Románico é moito máis ca un ciclo de concertos, é unha maneira de redescubrir o noso patrimonio a través da cultura e de abrir ao público espazos de enorme valor histórico desde unha perspectiva diferente”. A rexedora destaca tamén que “a excelente acollida das primeiras actuacións confirma que existe un interese crecente por propostas que combinan música de calidade e patrimonio. Queremos que a veciñanza e as persoas que nos visitan vivan experiencias únicas en lugares que forman parte da nosa identidade”.
Impulsado polo Concello de Tomiño, Música&Románico percorre ao longo do verán algunhas das igrexas románicas do século XII máis singulares do municipio, converténdoas en escenarios privilexiados para a música de cámara. Unha proposta que busca crear novas formas de achegarse ao patrimonio, poñendo en diálogo a arquitectura histórica e a creación musical contemporánea.
A entrada ao concerto será libre ata completar a cabida da igrexa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario