O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño denuncia o "baleirado electoralista" de máis de 3,2 millóns de aforros do Concello coa complicidade do PP
• A concelleira Mª Violeta Santiago desmontou no último Pleno Extraordinario a urxencia do expediente e acusou ao goberno do BNG de usar as axudas a unha entidade veciñal como unha "coartada política" para camuflar a súa mala xestión co solo.
• A oposición critica que se destine un millón de euros a partidas opacas e "gastos varios de cultura" mentres se despreza a ampliación estrutural do saneamento que piden as parroquias.
• Lamentan a incoherencia do goberno local, que rompe o seu propio criterio histórico de non dar subvencións directas, e a debilidade dun PP que cualificou o plan de "electoralista" pero votou a favor.
Infogauda/Tomiño
O Grupo Municipal do PSdeG-PS$OE de Tomiño amosou onte a súa total oposición á xestión económica e ás "piruetas políticas" do goberno local no pleno extraordinario urxente convocado para aprobar unha nova modificación de crédito con cargo ao Remanente de Tesourería por importe de máis de un millón de euros.
Dende o grupo da oposición acusan ao goberno de utilizar as necesidades de Taborda como unha "coartada política" para forzar o voto favorable dos grupos e tapar que non fixeron o traballo a tempo coa titularidade do solo. O executivo tramitou unha subvención nominativa de 50.000 € á Comunidade de Montes alegando que a cesión do terreo tardaría moito. Con todo, o informe de Intervención desvela que o goberno municipal tivo que modificar especificamente as Bases de Execución do Orzamento, un trámite igual de longo e complexo que aprobar un orzamento novo. "É unha manobra para buscar o apoio fácil e forzar o voto a favor, da oposición, mentres rompen o seu propio criterio histórico de non dar subvencións nominativas fóra da Banda de Música", sinalan.
Asimesmo, a oposición alertou do "baleirado exprés" das arcas cun claro afán electoralista, a menos dun ano das eleccións municipais. "En poucos meses fundiron máis de 3,2 millóns de euros dos 4,3 que Tomiño tiña en aforros para inaugurar obras a présa", denuncian. O grupo critica o "desprezo ás prioridades dos veciños", xa que a achega a saneamento é minúscula: redúcese a camuflar unha avaría ordinaria na rúa A Guarda como investimento de 50.000 €, mentres gastan 30.000 € en estudos técnicos de sumidoiros totalmente opacos e 150.000 € en "gastos diversos de cultura" sen especificar, poñendo o Concello ao límite de incumprir a regra de gasto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario