18 de xul. de 2026

CULTURA

Tomiño homenaxea a Mario Rodríguez, referente da pintura galega no exilio  

  O Concello organiza unha exposición coas obras do artista tomiñés do 20 ao 26 de xullo no marco da Semana Cultural das Festas de San Campio  

  Inauguración o luns 20 ás 20.00 h coa participación da historiadora da arte Sara Quintana, que explicará a obra do pintor  


Imaxe retrospectiva de Mario Rodríguez Gómez á beira do río Miño
Foto: Gustavo Rivas

Infogauda/Tomiño

 Acompañou a Castelao no último ano da súa vida, traballou con Blanco Amor, Laxeiro e Seoane no exilio de Bos Aires - onde tratou tamén con Pablo Neruda, Eduardo Blanco Amor e Rafael Alberti - e a súa obra colgouse en museos e coleccións de México, Brasil, Inglaterra e Francia. Mario Rodríguez (1931-2018) foi un dos pintores máis singulares que deu Tomiño, e este verán o seu municipio natal réndelle homenaxe cunha exposición que recupera a súa figura e a súa obra para quen aínda non o coñece e para quen nunca o esqueceu. 

 A mostra, organizada polo Concello en colaboración co Centro Recreativo e Cultural de Figueiró no marco da Semana Cultural das Festas de San Campio, inaugúrase o luns 20 de xullo ás 20.00 horas coa participación da alcaldesa Sandra González e da historiadora da arte Sara Quintana, que explicará ao público a traxectoria e o valor artístico deste autor cuxa obra transcendeu fronteiras. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xullo, de balde e para todos os públicos. 

 A vida de Mario Rodríguez estivo marcada polo exilio en Arxentina tras o franquismo, onde se integrou na intelectualidade galega emigrada e construíu unha obra de carácter internacional recoñecida en numerosos países. O Concello xa recoñeceu a súa figura como homenaxeado nas Festas do Alivio e garda algunha das súas obras doadas pola familia de forma permanente ao patrimonio cultural do municipio. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor desta homenaxe “a un home que forma parte da nosa memoria e do noso patrimonio” e animou á veciñanza a achegarse ao Centro de Figueiró para coñecer e entender mellor a súa obra.  

Mario Rodríguez: traxectoria artística 

 A partir de finais da década dos 70, xa en Galicia, Mario Rodríguez intensifica a súa actividade artística, volta ás súas orixes reencontrándose con vellos amigos de escola, como Xavier Pousa, e outros artistas e intelectuais galegos, como Eliseo Alonso, Ángel Sevillano, Antón Abreu Bastos, Elsa Pérez Vicente, Mario Granell, Virxilio ou Xosé Otero Abeledo "Laxeiro".  

 Ao longo da súa traxectoria artística, realiza diversas exposicións individuais e colectivas como a da Caixa de Aforros de Vigo (1977), a da Sala de Arte do Real Club Náutico de Vigo (1980); participa na II Bienal de Arte de Vila Nova de Cerveira (1980); nunha mostra colectiva a favor da Comisión Pro-Fosa Común de Sestás (A Guarda, 1985); así como nunha colectiva na Sala de Exposicións Alonso Berruguete de Valladolid (1986); na Societé des Artistes Independant, Grand Palais de París (1990) con motivo do centenario do falecemento de Vincent Van Gogh; na Exposición Pro Monumento aos Represaliados do 36, celebrada en Tui en 1997 ou a Exposición Antolóxica que se lle dedicou na Casa das Artes de Vigo en 2001.  

 A súa obra está representada en museos, galerías e coleccións particulares de diferentes países: Brasil, México, Venezuela, Arxentina, Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal ou España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario