Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
Abel Losada destaca o investimento de máis de 600.000 euros que impulsa o Goberno para mellorar o saneamento en Salceda de Caselas
• A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil saca a licitación as obras de mellora do saneamento da parroquia de Soutelo, cun investimento de 603.233,98 euros
• A actuación permitirá dotar de rede de saneamento a unha parte deste núcleo poboacional, eliminar vertidos incontrolados e deixar preparada a infraestrutura para futuras ampliacións
Infogauda/Salceda de Caselas
O Goberno de España, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, vén de sacar a licitación as obras de mellora do saneamento e depuración da parroquia de Soutelo, no concello de Salceda de Caselas, cun orzamento base de 603.233,98 euros. A actuación permitirá mellorar a rede de saneamento da zona, eliminar vertidos incontrolados e reforzar a protección ambiental da contorna.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou que este investimento "supón un paso importante para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Salceda de Caselas e para avanzar na protección ambiental da contorna". Losada sinalou que esta actuación "permite corrixir unha carencia histórica en materia de saneamento, evitando vertidos incontrolados e reforzando unhas infraestruturas básicas para o desenvolvemento sostible do municipio".
O proxecto contempla a construción dunha nova rede de colectores por gravidade, unha estación de bombeo de augas residuais e a correspondente condución de impulsión ata o sistema xeral de saneamento. Ademais, durante a execución das obras renovarase a rede de abastecemento de auga potable, repoñerase a drenaxe superficial e restauraranse os pavimentos afectados, incorporando tamén un sistema de telecontrol das instalacións.
A actuación está concibida para completar progresivamente a rede de saneamento de todo Soutelo, aínda que nesta primeira fase dará cobertura a unha parte do núcleo, deixando preparada unha infraestrutura dimensionada para atender as necesidades futuras da parroquia.
Abel Losada puxo en valor o compromiso do Goberno de España coa mellora das infraestruturas básicas nos concellos da provincia e destacou que a licitación desta actuación evidencia a vontade do Executivo de seguir investindo en proxectos que melloran a calidade de vida da cidadanía e contribúen á protección do medio ambiente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario