21 de xul. de 2026

CULTURA

Mareantes de Esposende rumo ao mundo, unha viaxe pola memoria marítima dunha comunidade  


A exposición Mareantes de Esposende rumo ao mundo, patente no Museo Marítimo de Esposende
Foto: Santiago Baz Lomba
Portada da publicación Mareantes de Esposende rumo ao mundo
Foto: Infogauda

Infogauda/Esposende

 O Museo Marítimo de Esposende presentou a publicación Mareantes de Esposende rumo ao mundo, unha obra - coordinada por Fernando Loureiro Ferreira, director da devandita entidade museística - que pon o foco na longa tradición mariñeira do concello e no protagonismo que os seus homes e mulleres tiveron ao longo dos séculos nas rutas atlánticas. A edición - que contou coas colaboracións de Álvaro Campelo e Matilde Marinho, no que respecta aos textos, así como de Francisco Capitâo e Manuel Pinto, no equipo técnico; entre outras importantes achegas como as Ana Rita Pilar, Daniela Peixoto e Matilde Marinho, no equipo museolóxico, e as colaboracións de Álvaro Campelo - unha vez máis -, Elsa Teixeira e José Felgueira - constitúe un novo paso no labor de investigación, conservación e divulgación que o museo vén desenvolvendo arredor da identidade marítima de Esposende e da súa estreita relación co mar. 

 O volume - de 58 paxinas, editado de xeito bilingüe, en portugués e inglés - recupera a memoria dos mareantes que, desde a desembocadura do Cávado, participaron nas grandes correntes comerciais e de navegación, contribuíndo a proxectar o nome de Esposende máis alá das súas fronteiras. A través desta publicación reivindícase unha herdanza construída sobre o traballo, o coñecemento do mar e a capacidade de adaptación dunha comunidade que fixo da actividade marítima un dos piares da súa identidade.

 A presentación serviu tamén para subliñar o papel que desempeñan os museos locais na preservación da memoria colectiva. Nun tempo no que a historia corre o risco de quedar diluída entre o ritmo acelerado da actualidade, iniciativas editoriais como esta permiten documentar, interpretar e transmitir ás novas xeracións un patrimonio que forma parte da historia común do litoral atlántico.

 Mareantes de Esposende rumo ao mundo dialoga, ademais, coa nova exposición temporal do Museo Marítimo, dedicada á mesma temática, reforzando un proxecto museográfico que procura ofrecer unha visión ampla da relación histórica entre Esposende e o océano. Publicación e exposición complétanse para ofrecer ao visitante unha experiencia que combina documentación, obxectos, fotografías e relatos de vida, configurando un percorrido pola memoria marítima da vila.

 A aparición desta obra constitúe, en definitiva, unha achega de grande interese para investigadores, afeccionados á historia naval e para todas aquelas persoas que desexen coñecer mellor o pasado marítimo do norte de Portugal. Ao mesmo tempo, reforza os vínculos culturais entre as dúas beiras do Miño, lembrando que Galicia e o litoral portugués compartiron durante séculos rutas, oficios, embarcacións e unha mesma cultura do mar que segue a ser un dos grandes elementos de identidade da fachada atlántica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario