A Guarda rende homenaxe a José Suárez cunha suite que une música e imaxe
• O vindeiro 29 de xullo, ás 21:00 horas, no Centro Cultural de A Guarda
Infogauda/A Guarda
O Concello de A Guarda organiza o vindeiro 29 de xullo, ás 21:00 horas, no Centro Cultural de A Guarda, o espectáculo José Suárez. Suite para unha vida, unha composición creada por Rafa Fernández como homenaxe á figura do fotógrafo e cineasta galego José Suárez Fernández.
A proposta artística combina música e creación visual nun diálogo coa vida e a obra dun dos grandes nomes da fotografía galega do século XX. Sobre o escenario estarán Rafa Fernández, á guitarra acústica; Benxamín Otero, ao oboe e corno inglés; e Iván Torres, responsable das visuais que completan esta experiencia escénica.
Este acto encádrase na programación conmemorativa do Día das Artes Galegas, dedicado nesta edición a José Suárez Fernández, recoñecendo a súa achega á cultura galega e a súa traxectoria como fotógrafo de referencia. A celebración ten ademais un significado especial en A Guarda, vila coa que José Suárez mantivo unha estreita relación persoal e artística.
Con esta iniciativa, o Concello de A Guarda súmase á homenaxe colectiva que Galicia rende ao fotógrafo, ofrecendo ao público unha proposta que fusiona música, imaxe e memoria para achegarse ao universo creativo dun autor fundamental da cultura galega contemporánea.

Ningún comentario:
Publicar un comentario