Tomiño transformará de forma integral o núcleo de San Salvador de Tebra
• O Concello presentou o proxecto no Consello Parroquial, no que se recolleron propostas para que a reforma responsa ás necesidades reais da parroquia
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño presentou ante o Consello Parroquial o proxecto de reforma integral que, desenvolvido de maneira conxunta coa Comunidade de Montes, transformará un dos espazos centrais da vida social da parroquia nun lugar máis accesible, máis funcional e mellor dotado para a convivencia veciñal e a celebración de eventos.
O proxecto contempla a ampliación da terraza da Casa Social e a mellora da accesibilidade do espazo, a ampliación da zona pavimentada do torreiro para facilitar os usos veciñais, a plantación de novas árbores e a instalación de mobiliario urbano. Ademais, mellorarase a conexión do torreiro co parque infantil e coa pista polideportiva, integrando nun único espazo de calidade os diferentes usos que a parroquia demanda.
Durante o encontro co Consello Parroquial recolléronse as achegas da veciñanza a esta iniciativa, co obxectivo de que a actuación final responda ás necesidades e expectativas de quen vive e usa ese espazo cada día.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou o valor deste modelo de traballo e da escoita activa da veciñanza para crear un espazo mellorado entre todas e todos. Esta reforma é parte dunha aposta clara do Concello pola mellora dos espazos públicos das parroquias e a recuperación dos núcleos de centralidade nas parroquias, espazos cheos de vida e punto de encontro social e cultural. “Queremos que cada veciño e veciña, en calquera punto do municipio, teña preto un espazo digno, accesible e agradable onde xuntarse e vivir o seu pobo”, recalcou.

Ningún comentario:
Publicar un comentario