O Concello de Oia e o CSIC recuperarán e porán en valor as salinas romanas do Aguncheiro (Mougás)
• Baixo a dirección do arqueólogo Brais Currás, o proxecto “Camiños do Sal”, prevé levar a cabo unha escavación arqueolóxica nunha extensión de arredor de 300 metros cadrados
Infogauda/Oia
O Concello de Oia levará a cabo, ao longo dos vindeiros meses, un ambicioso proxecto de recuperación e posta en valor das salinas romanas do Aguncheiro, situadas na costa da parroquia de Mougás, co obxectivo de garantir a súa conservación e crear oportunidades de desenvolvemento patrimonial, cultural e económico.
O Concello vén de recibir a concesión de fondos do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Vigo-A Guarda para o antedito proxecto, denominado “Camiños do Sal” e que se desenvolverá baixo a coordinación e dirección científica de Brais Currás, investigador do do grupo EST-AP do Instituto de Historia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). En total, captáronse 112.183,03 € euros, que irán destinados ao estudo, escavación, consolidación e musealización das salinas romanas do Aguncheiro, así como de diversas actividades divulgativas destinadas á poboación local e visitantes.
Oia alberga un importante conxunto de salinas romanas de época imperial, dándose a circunstancia de que, en todos os territorios do Imperio Romano, a día de hoxe son moi poucas as salinas que se coñecen desta época. E, delas, son aínda menos os xacementos salineiros nos que se ten levado algún traballo de musealización.
Algunhas das salinas localizadas dentro do concello de Oia, concretamente as do Aguncheiro (Mougás) e as das Lagoas (Viladesuso), foron obxecto dunha escavación parcial por parte da Xunta en 2017 e que non incluía tarefas de musealización. Agora, a través do proxecto “Camiños do Sal” realizaranse diversas actividades de estudo e posta en valor na zona do Aguncheiro onde, paralelamente, o Concello tamén está a desenvolver un proxecto de rexeneración ambiental das antigas instalacións do Camping Pedra Rubia para convertelas nunha área de recreo pública.
Neste contexto, a actuación arqueolóxica desenvolverase en total coordinación coa arquitecta que dirixe os traballos de rexeneración e renaturalización deste futuro espazo de lecer. Así, as salinas romanas quedarán integradas como un recurso patrimonial e atractivo turístico dentro do parque, situado na contorna próxima do Camiño Portugués da Costa.
Brais Currás, director científico do proxecto, destacou a “boa nova” que supón a concesión deste proxecto, pois dará a oportunidade de traballar e poñer en valor un “patrimonio moi valioso e de gran singularidade, que constitúe un grande potencial cultural e turístico para Oia”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Cristina Correa, destacou que a intervención nas salinas “dará como resultado un novo elemento enfocado cara un turismo de calidade e desestacionalizado”. Tamén destacou a importancia da integración do proxecto do antigo Camping Pedra Rubia co xacemento das salinas romanas, creando “unha actuación de referencia en materia de lecer e patrimonio, e que suma valor engadido ao Camiño de Santiago ao seu paso por Oia”.
Arqueoloxía e divulgación
Baixo a dirección do arqueólogo Brais Currás, o proxecto “Camiños do Sal”, prevé levar a cabo unha escavación arqueolóxica nunha extensión de arredor de 300 metros cadrados. Tamén se realizarán prospeccións con xeorradar, a fin de continuar documentando e estudando a extensión da salina sen necesidade de ampliar a superficie de escavación.
Unha vez estudado e documentado o xacemento procederase a restaurar e consolidar as estruturas, co obxectivo de que podan perdurar no tempo en bo estado de conservación e apto para a súa visita. Tamén se instalarán paneis informativos que permitirán acceder a novos contidos resultantes da investigación, a material gráfico complementario e a recreacións virtuais a través de realidade aumentada.
Finalmente, as accións divulgativas incluirán a edición dunha guía arqueolóxica, visitas guiadas ás escavacións, a programación de charlas e rutas medioambientais e actividades cos centros escolares de Oia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario