30 de xul. de 2026

O ROSAL

O Rosal sementa igualdade nos seus campamentos de verán   

•   Máis de 200 nenos e nenas participan no Escape de Corresponsabilidade, unha actividade que combina diversión, cooperación e educación en igualdade 

 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís achegouse ata o Campo Municipal da Mata para compartir uns momentos coas nenas e nenos que participan na actividade lúdico-educativa organizada no marco dos campamentos de verán do Concello 
Foto: COR

Infogauda/O Rosal 

 No Rosal a mellor forma de aprender está no xogo. Máis de 200 nenos e nenas participan no Escape de Corresponsabilidade, unha actividade lúdico-educativa organizada no marco dos campamentos de verán do Concello para fomentar, dun xeito participativo e divertido, valores como a igualdade, a corresponsabilidade e o reparto equilibrado das tarefas domésticas e dos coidados. 

 Durante dúas xornadas, as rapazas e rapaces convertéronse en auténticos detectives da igualdade. Organizados en equipos segundo a súa idade, tiveron que resolver enigmas, descubrir pistas e superar diferentes retos inspirados en situacións cotiás do fogar, como tender a roupa, facer a compra, ordenar a casa ou coidar doutras persoas. Unha proposta que lles permitiu comprender, a través da cooperación e da reflexión compartida, que todas as persoas poden e deben implicarse por igual nas responsabilidades do día a día. 

 A actividade reuniu por primeira vez ao alumnado dos catro campamentos de verán do municipio: o campamento municipal Sementeira de Igualdade e os postos en marcha pola Agrupación Musical do Rosal, a U.D. Ribera e o Valinox Atlético Novás, favorecendo a convivencia entre nenos e nenas de diferentes grupos e creando un espazo común no que aprender, compartir e facer novas amizades. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que "educar en igualdade significa ofrecer á infancia experiencias que lles permitan interiorizar valores que despois levarán á súa vida diaria. A corresponsabilidade non é só repartir tarefas, é aprender a convivir con respecto, empatía e xustiza desde pequenos e pequenas". 

 A rexedora subliñou tamén a importancia de incorporar este tipo de propostas á programación estival. "Queremos que os campamentos sexan espazos de diversión, pero tamén de aprendizaxe. Actividades como esta demostran que é posible transmitir valores fundamentais a través do xogo e da cooperación, facendo que a infancia participe, reflexione e se implique dunha maneira natural". 

 Con iniciativas como o Escape de Corresponsabilidade, o Concello do Rosal continúa revolucionando mentes e reforzando o seu compromiso coa educación en igualdade e coa promoción de modelos de convivencia baseados no respecto, a colaboración e a implicación compartida nos coidados, contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta desde as primeiras etapas da vida. A actividade estivo cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables, e polo Ministerio de Igualdad do Goberno de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario