Os arqueólogos descobren evidencias dun gran incendio en época medieval e máis de 700 pezas arqueolóxicas no complexo de As Torres (Tomiño)
• O equipo de Fortalezas da Fronteira traballou nos dous outeiros do sitio arqueolóxico de As Torres. O outeiro norte foi plenamente identificado como un fortín militar da guerra do XVII con Portugal. O sur tamén, pero tería sido previamente un complexo militar medieval aproveitado en época moderna. Os dous sitúanse sobre unha gran mina romana.
Xurxo Salgado/Tomiño
O equipo de investigación desenterrou máis de 700 pezas, a maioría delas, de tipo cerámico, na escavacións que se realizaron no outeiro sur. "Un volume de material moi interesante para os días de traballo que empregamos", apunta Rebeca Blanco-Rotea, investigadora principal deste proxecto no que traballan conxuntamente un equipo arqueolóxico da Universidade do Minho e outro de divulgación e comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, e como aconteceu na campaña do 2025, atopouse un gran nivel de incendio que parece corresponderse coa época medieval deste complexo defensivo así como material arqueolóxico que se move entre os séculos VI e XIII-XIV e material lítico anterior, probablemente, de época romana.
Entre as pezas atopadas atópanse 684 anacos de cerámicas, 14 metais, 3 líticos, varios osos queimados, unha peza de xogo e un dente, ademais de abundante material construtivo, o que multiplica por sete os materiais documentados en 2026. O equipo arqueolóxico aínda ten que estudar en detalle estes achados, mais destacan, sobre todo, as pezas dos séculos XIII e XIV, en plena Baixa Idade Media, aínda que hai algunha novidade interesante. Entre estas novidades están o descubrimento de dous estribos de cabalo perfectamente conservados e atopados na fase de ocupación medieval de As Torres, así como unha fouce tamén localizada no nivel medieval.
En relación ás cerámicas, documentouse unha maior variedade que no ano anterior, tanto en pastas (grises, marróns e negras, case todas reductoras) como en formas. Polo momento, parecen corresponder a servizo de mesa, algunhas delas ricamente decoradas, pero haberá que esperar a comprobar se algunha sería para almacenaxe de produtos alimentarios. Algún dos fragmentos atopados poderían corresponder ao século VI, é dicir, a Alta Idade Media, cando os suevos conquistaron a antiga Gallaecia. Pero a inmesa maioría desta cerámica segue sendo moi fina, similar á documentada no Castelo da Lúa (Rianxo), datado tamén no século XIII, polo que a principal cronoloxía do material cerámico continúa apuntando para os séculos XIII-XIV.
UN GRAN INCENDIO
Esta época foi un momento chave na fronteira ao coincidir co Tratado de Alcañices, que supuso en 1297 un acordo bilateral entre a Coroa de Castela e o reino de Portugal, mediante o cal quedaron fixadas, por exemplo, as fronteiras entre os dous reinos, o que conlevou a construción de toda unha serie de torres e castelos ao longo da mesma por iniciativa rexia. A maior parte destas pezas atopáronse na zona norte do outeiro, onde se localiza unha estrutura de planta circular. Precisamente nesa zona detívose este ano a excavación arqueolóxica ao detectar un gran invel de incendio que parece arrasou a fase medieval. O equipo arqueolóxico xa recolleu abundantes madeiras queimadas que serán datadas aínda dentro desta campaña.
Estas primeiras investigacións apuntan xa a algunhas das conclusións da campaña do pasado ano. En setembro de 2025 fixérase unha intervención arqueolóxica que se encamiñaba a caracterizar o que parecía unha batería da Guerra da Restauração (1640-1668) que estaba sobre unha gran mina de orixe romana, xa documentada polo arqueólogo Brais Currás a comezos deste século. Esa batería estaría levantada en torno a 1666 para cortar o paso ao exército portugués que ocupaba o lugar de Goián desde 1663. Mais as sorpresas non tardaron en chegar. As Torres desvelaba a existencia dunha ocupación anterior pois na contrución da troneira, unha abertura sobre o parapeto para dispor un canón, empregáronse cerámicas, tellas, ladrillos e metais da Idade Media xunto con terra como material constructivo.
A ocupación durante a Idade Moderna destes altos (As Torres) fíxose levantando fortificación terreiras. O equipo de arqueoloxía documentou tamén indicios dun incendio sobre o que se levantou a troneira. A abundancia de materiais e as cronoloxías dos séculos XIII-XIV apuntaban á existencia dunha fase anterior na ocupación do outeiro que a veciñanza denomina como As Torres. Unha hipótese que se confirmou na campaña deste ano.
APARICIÓN DE METAIS
Outro elemento chave da intervención deste ano foi a documentación dunha serie de metais, a maoir parte destes parecen formar parte da construcción medieval, pois trátase de cravos de ferro en diferentes estado de conservación. Tamén documentouse parte dunha fouce de ferro. Pero chamou sobre todo a atención dos investigadores a presenza de varias pezas que se relacionan coa montura de cabalos. Todas eles, aparecen sobre un solo rubefactado documentado na zona sur do incendio.
A presenza destas pezas pon ao equipo de investigación na senda dunha ocupación vinculada á cabalería, mais tamén dun asentamento permanente onde estes posibles cabaleiros se sentaban á mesa cunha cerámica fina e decorada que se documenta noutros contextos, tanto galegos como portugueses.
IDENTIFICACIÓN DE DÚAS ZONAS CLARAMENTE DELIMITADAS
Ao longo deste xullo, a intervención centrouse en dúas zonas, o outeiro onde se identificou o fortín abaluartado da Idade Moderna, e o outeiro onde se localiza a troneira con evidencias de ocupación anterior. Neste segundo outeiro, abríronse dúas sondaxes, unha sobre unha posible estrutura de planta circular e outra definida a partir da prospección metalúrxica que se desenvolveu no primeiro día de campaña. E os materias arqueolóxicos documentados, sen ter esgotado aínda os niveis arqueolóxicos, son moi superiores aos documentados en 2026.
Queda por saber se os dous outeiros de As Torres tiveron unha continuidade cronolóxica, desde a fase de ocupación da mina romana ata a guerra do século XVII, pasando por unha fortificación da Baixa Idade Media, con pezas e estruturais e materiais perfectamente identificadas, e outra que sería da Alta Idade Media, cara o século VI, xa en plena época sueva, da que hai menos evidencias.
Que nos contan os materiais e por que son importantes? A arqueoloxía pode reconstruir os relatos sobre o pasado a partir das evidencias que as sociedades deixaron na paisaxe e no que hoxe son xacementos arqueolóxicos. As construcións nos informan da maneira de habitar e da funcionalidade dos espazos estudados. A cultura material móbel, todos os obxectos móbeis que se recuperan nas prospección e escavacións, permiten obter cronoloxías e coñecer a que se dedicaban eses espazos. E moitos dos restos que se recollen, terra, argamasas, cerámicas, carbóns, sementes... poden someterse a diferentes tipos de análises que axudan a reconstruir que pasou no xacemente a estudar. Este é o caso de As Torres, onde a falta de obter datacións absolutas, os materiais son moi valiosos para comezar a saber que había no outeiro e que pasou con anterioridade á Idade Moderna. Uns materiais que o equipo estudará nas vindeiras semanas para chegar a datos máis concluíntes.
COLABORACIÓN GALEGO-PORTUGUESA
Os traballos arqueolóxicos forman parte do proxecto Fortalezas da Fronteira, que tivo lugar en Tomiño en xullo no marco dun campo de voluntariado internacional da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia con mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, Italia, México e Colombia.
Tamén integraron os traballos alumnas en prácticas curriculares inseridos na Licenciatura ou no Mestrado de Arqueologia, do Departamento de História do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho, con apoio da Unidade de Arqueologia (UAUM), así como persoal do Grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Fortalezas da Fronteira combina investigación arqueolóxica, formación, voluntariado, educación e divulgación para avanzar no coñecemento do patrimonio defensivo da raia galego-portuguesa e achegar á cidadanía a historia de As Torres e do territorio no que se insire.


Ningún comentario:
Publicar un comentario