Viaxe sonora polos cinco continentes no último concerto de Música&Románico
• O Concello pecha este tradicional ciclo musical cun espectáculo de Rafael Yebra e Oswaldo Oro o venres, 31 en San Salvador de Tebra
Infogauda/Tomiño
Broche final por todo o alto dunha nova edición do ciclo Música&Románico en Tomiño. A igrexa de San Salvador de Tebra converterase nun escenario onde o patrimonio histórico dialogará coa música, na última cita deste verán desta serie de espectáculos musicais postos en marcha polo Concello unir cultura, historia e emoción en espazos únicos.
Este venres, 31 de xullo ás 20.30 horas, o público poderá gozar de Músicas do Mundo, un espectáculo protagonizado polo dúo Rafael Yebra e Oswaldo Oro, dous músicos que propoñen unha viaxe sen fronteiras a través de composicións propias e adaptacións nas que conviven a música clásica, o jazz e os ritmos latinoamericanos. O resultado é unha proposta versátil, chea de matices e cunha elevada calidade artística que convida a descubrir novas sonoridades nun escenario de excepción.
O concerto servirá para pechar unha nova edición dun ciclo que naceu coa vocación de achegar a música de calidade a algúns dos templos románicos máis emblemáticos do municipio, poñendo en valor o extraordinario patrimonio histórico e artístico de Tomiño e converténdoo nun espazo vivo de encontro coa cultura.
Como resalta a a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, este ciclo "demostra que o noso patrimonio pode ser moito máis ca un legado do pasado; pode ser tamén un espazo para crear experiencias culturais únicas. Cada concerto converte as nosas igrexas románicas en lugares de encontro entre a historia, a música e a veciñanza, facendo que máis persoas descubran e valoren un patrimonio que nos identifica".
Co concerto deste venres, o Concello pon o broche final á programación estival de Música & Románico, consolidada xa como unha cita de referencia que combina a excelencia artística coa posta en valor dun dos grandes tesouros patrimoniais de Tomiño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario