21 de xul. de 2026

REDONDELA

A CIG pide a remunicipalización do SAF de Redondela para garantir os dereitos laborais e unha atención de calidade 

•  O Goberno local rexeitou a proposta da central sindical de sacar un contrato ponte mentres se avanza no proceso de xestión directa 


Mobilización do persoal da axuda no fogar no Concello de Redondela
Foto: Arquivo/CIG

Infogauda/Redondela

 A CIG instou o Concello de Redondela a aproveitar que o contrato da axuda no fogar está caducado para avanzar na remunicipalización deste servizo “pois é a única garantía dun servizo público de calidade e dunhas condicións laborais dignas”.  Hai que lembrar que o contrato con Idades, a empresa concesionaria, rematou o pasado 1 de xuño e que o pleno municipal rexeitou a prórroga dun ano proposta polo Goberno local. 

 Na reunión mantida entre a representación do persoal e o Concello para coñecer a situación na que se atopa a relación contractual e o estado da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar, confirmouse que esta aínda se encontra no trámite de busca de empresa redactora dos pregos, sen solucións reais e con meses de atraso por diante até a entrada da seguinte empresa.  

 Para evitar a incerteza e as consecuencias dunha xestión que non garante nin os dereitos laborais nin a calidade na atención ás persoas usuarias, a central sindical apelou o Concello a dar un paso adiante e asumir a xestión directa do servizo. De cara a facilitar este camiño, a CIG-Servizos tamén lle propuxo sacar un contrato ponte que “permita preparar con garantías esa municipalización, pero o Goberno local negouse sequera a estudar esta posibilidade”. 

 A postura do Concello de Redondela, apunta a representación da CIG, foi limitarse a dicir que a Xunta de Galiza debería prestar o SAF. Postura que a central nacionalista comparte e mesmo impulsou unha ILP no Parlamento para a creación dun sistema público galego de atención ás persoas con xestión directa da administración autonómica. “Pero mentres isto non sexa unha realidade, é o Concello quen ten a responsabilidade de garantir un servizo esencial e de defender ás súas traballadoras”, apuntan. 

 Na reunión co Concello, a CIG tamén lle reclamou que se faga cumprir a empresa con todas as súas obrigas, garantindo o respecto os dereitos laborais e o pago puntual dos salarios, para que non se repita unha situación de atrasos como o acontecido neste mes de xullo. 

 E ante a negativa a municipalizar a xestión do SAF, pediuse a participación da representación sindical na elaboración dos novos pregos de contratación “porque somos quen mellor coñecementos a realidade do servizo” e que realice unha revisión anual do contrato, incorporando cláusulas que permitan actualizar os prezos segundo o IPC e a evolución dos custes, “para evitar que sexan as traballadoras quen paguen as consecuencias”.  

 Ademais, púxose o acento en que se debe dotar o contrato dos recursos económicos necesarios para garantir o cumprimento do protocolo ante situacións de violencia no SAF. 

 A CIG-Servizos reitera que continuará vixiando todo o proceso, denunciando cada incumprimento e defendendo os dereitos de todas as traballadoras do SAF. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario