21 de xul. de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación impulsa a construción dunha ponte internacional entre Monçao e As Neves e capta fondos europeos por valor de preto de 4 millóns de euros para impulsar a cooperación transfronteiriza 

Nestes tres anos de goberno a institución provincial converteuse en referencia en canto a integración, desenvolvemento sostible e construción dun proxecto transfronteirizo común de futuro


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e Roberto José Álvarez Carrero, deputado de Cooperación Transfronteiriza
Foto: Rafa Estévez


Infogauda/Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra impulsa a construción dunha ponte internacional entre Monçao e As Neves e capta fondos europeos por valor de preto de 4 millóns para impulsar a cooperación transfronteiriza nestes tres anos de goberno de Luis López. “Tomámonos moi en serio o lema da institución. Tendemos pontes e témonos convertido nun espazo de oportunidades compartidas e nunha referencia en canto a integración, desenvolvemento sostible e construción dun proxecto común de futuro”, asegurou o presidente provincial.  

 “O Miño -asegurou o deputado responsable de Cooperación Transfronteiriza Roberto José Álvarez Carrero- é un espazo compartido de historia, cultura, economía e xeración de oportunidades, e nestes tres anos temos feito un grande traballo para o avance deste territorio”. Neste eido, Álvarez Carrero destacou os fondos europeos captados, que están a permitir impulsar unha marca turística compartida e proxectos de cooperación en materia medioambiental, turística e de valorización do patrimonio natural.  

 Ademais, a través da área de Cooperación Transfronteiriza, tal e como recordou o deputado, promóvense programas e iniciativas para facilitar a mobilidade entre as dúas ribeiras do Miño, como a ponte entre As Neves e Monçao, que conforman un polo de grande dinamismo económico. “E facémolo sempre contando cos concellos do Miño e coas cámaras municipais portuguesas, organizando actividades deportivas, culturais e sociais nas que participaron milleiros de persoas de ámbalas dúas marxes do río”, subliñou Álvarez Carrero.  

 O deputado remarcou que “estamos a vivir un momento excepcional nas relacións e lazos entre Galicia e Portugal e temos situado á nosa provincia como un actor de referencia na cooperación europea”. Neste eido recordou o fortalecemento das eurocidades e das redes de cooperación municipal do Miño; o desenvolvemento de iniciativas compartidas para reforzar a identidade común galego-portuguesa; ou as subvencións destinadas por valor de 340.000 euros a diferentes entidades para impulsar as embarcacións tradicionais, o patrimonio cultural material e inmaterial, actividades musicais, probas deportivas transfronteirizas ou, entre outras moitas, actividades de animación nas rúas dos concellos situados ás beiras do Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario