21 de xul. de 2026

VIGO

O persoal de Iberconsa manifestarase este xoves día 23 para reclamar melloras salariais 

•  A protesta sairá ás 13:00 horas das instalacións da empresa en Bouzas 

Infogauda/Vigo

 O persoal de Iberconsa continuará o próximo xoves, 23 de xullo, coas mobilizacións para reclamarlle a empresa un pacto de mellora das condicións salariais por enriba das estabelecidas no convenio estatal de referencia. Nesta ocasión, as traballadoras e traballadores sairán en manifestación das portas de Iberconsa en Bouzas, farán un percorrido pola zona portuaria e rematarán cunha concentración diante da empresa. 

 Esta será a terceira mobilización que realice o persoal ante a negativa rotunda da compañía - con sede en Vigo e dedicada á elaboración e distribución de produtos conxelados do mar- a negociar ningunha mellora. Neste senso, a representación da CIG salienta que o convenio estatal de referencia contempla uns salarios de miseria “que non dan para chegar a fin de mes”.  

 Porén, a dirección de Iberconsa non quere tratar ningunha das propostas trasladadas pola parte social, remitíndose unicamente ao convenio estatal.  

 A representación sindical reclama unha terceira paga extra, unha suba mensual de 40 euros para a categoría 2, a extensión da prima de penosidade a todo o persoal que accede á cámara frigorífica, o abono íntegro do plus de serras e que as gratificacións voluntarias deixen de ser absorbíbeis. “En definitiva, o que propoñemos son unha serie de posibilidades que permitan incrementar os baixos salarios que fixa o convenio estatal do sector”, explican.

Ningún comentario:

Publicar un comentario