O Concello de Oia mellora o firme en tramos do Camiño de Santiago Portugués da Costa
• Cun investimento total de 29.473,77 euros, financiados a través dos fondos europeos PSTD – Plan Nacional Xacobeo, dentro do programa Next Generation EU
Infogauda/Oia
O Concello de Oia vén de finalizar importantes obras de mellora en dous tramos do Camiño de Santiago Portugués da Costa ao seu paso polo municipio, cun investimento total de 29.473,77 euros, financiados a través dos fondos europeos PSTD – Plan Nacional Xacobeo, dentro do programa Next Generation EU.
As intervencións centráronse en dous puntos do trazado que presentaban un firme moi deteriorado, dificultando o tránsito de peregrinos e veciñanza. O estado do pavimento (con fochancas, zonas erosionadas, falta de drenaxe e superficies irregulares) facía necesaria unha actuación urxente para garantir unha mobilidade segura e preservar o bo estado do Camiño.
Na primeira zona, situada na contorna do río Vilar, o Concello optou por xabre estabilizado, unha solución resistente e respectuosa coa paisaxe, que mellora a seguridade sen alterar o carácter tradicional do camiño. Na segunda área, no cruce do Camiño de O Codesal, executouse unha pavimentación con adoquín e mellorouse a canalización das augas pluviais, evitando que a escorrentía continúe deteriorando o firme.
Con estas actuacións, o Concello de Oia reforza o seu compromiso coa conservación do Camiño Portugués da Costa, mellorando a experiencia dos peregrinos e viandantes, garantindo un trazado seguro, accesible e integrado na contorna natural e patrimonial do municipio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario