O BNG DENUNCIA “O DESCONTROL NO ESTACIONAMENTO DE AUTOCARAVANAS NA ATALAIA”
Anxo Lois Baz Vicente: “A improvisación do Goberno de Carrero está a converter este espazo singular nunha área de campismo descontrolado que cuadriplica a súa capacidade”
Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Guarda, nunha visita ao espazo público onde a presenza das autocaravanas van en aumento
Foto:BNG
A zona de Punta Xenete era, ata fai ben pouco, un lugar para veciños e visitantes, onde o día a día transcorría sen maiores incidencias. Desde a posta en servizo da área de estacionamento de autocaravanas, varias persoas puxeron en coñecemento da Redacción deste xornal dixital transfronteirizo seu malestar pola proliferación dese tipo de vehículos, feito que está tendo repercusións na veciñanza.
No día de hoxe, xoves, 30 de xullo, o BNG da Guarda vén de facer público que “o entorno da Atalaia non foi unha escolla axeitada para a creación da area de estacionamento de autocaravanas. Normalmente este tipo de infraestruturas sitúanse na periferia de vilas e cidades e non ao lado dun museo e dentro do núcleo urbano.
Si a escolla da localización non foi axeitada, a falta de control e unha sinalización confusa e insuficiente veu aumentar o problema e está provocando un gran malestar na veciñanza. A área que en principio estaba concibida para 6 autocaravanas na actualidade pode chegar a cuadriplicar este número convertendo este espazo que se pretendía poñer en valor nun aparcamento masivo de autocaravanas. A instalación fracasa tamén no seu obxectivo de funcionar como aparcadoiro disuasorio para mellorar a mobilidade, en contra do que prometera o alcalde, Roberto Carrero”.
O portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz Vicente, foi tallante “non podemos permitir que a improvisación do Goberno de Carrero acabe transformado este espazo nunha área de campismo descontrolado que degrada a imaxe dunha contorna que debería estar protexida pola súa singularidade polo que esiximos como mínimo unhas medidas de control eficaces que impidan o estacionamento irregular destes vehículos”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario