A Deputación destinará 200.000 € do Plan +Provincia ao Rosal para o reforzo do firme de camiños municipais
• O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero anunciou que a axuda será aprobada este venres na Xunta de Goberno e afectará a vías das parroquias de Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras
Infogauda/O Rosal
O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero anunciou este luns no Rosal que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar o reforzo do firme dunha decena de camiños municipais das parroquias de Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 199.000 euros para sufragar esta actuación, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará ao Rosal máis de 1,1 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Roberto José Álvarez Carrero anunciou que os camiños afectados polas obras de reforzo do firme serán os seguintes: en Santa Mariña do Rosal, o camiño das Cavadas, a estrada da Mó, o lugar da Cachada, o camiño da Caneda, a estrada de Couselo e o camiño do Esteiro. En San Miguel de Tabagón, o camiño da Cumeira, o camiño da Cega e o camiño Xogo dos Bolos. Por último, en San Bartolomeu das Eiras, a baixada a Loureiros. En todos os casos, mellorarase a mobilidade e a seguridade viaria para conseguir un espazo cómodo e transitable para vehículos e peóns. Os traballos consistirán na limpeza das marxes e reapertura das cunetas en terra, a eliminación parcial mediante fresados dos entronques e os encontros e cruces con outras vías, a renovación da pavimentación e a renovación da sinalización horizontal e vertical.
Roberto José Álvarez Carrero enxalzou o Plan +Provincia 2026-2027, “o máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra, cunha dotación de 85 millóns de euros para que os concellos poidan facer realidade os seus proxectos”. O deputado provincial sinalou que a Deputación é “a máxima aliada dos concellos”, con plans ordinarios e extraordinarios que lles permiten ter “autonomía total para decidir a que dedican os seus recursos co obxectivo de atender as necesidades das súas veciñas e veciños”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario