A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira abriu na Guarda a súa XXXIV edición co pregón de Tonhito de Poi e unha homenaxe ao Coro Cantábile
Constatando a calidade do producto estrela da XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira
Infogauda/A Guarda
O porto da Guarda volve ser, desde onte venres e ata este domingo, o gran escaparate da gastronomía e da tradición mariñeira coa celebración da XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, unha cita xa consolidada como un dos grandes referentes gastronómicos do verán galego.
A inauguración oficial estivo conducida polo comunicador Manuel Santos González, encargado de presentar un acto no que se puxo en valor tanto a riqueza culinaria ligada ao mar como o tecido cultural e asociativo da vila.
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, salientando a importancia dunha festa que contribúe a promocionar a excelencia dos produtos do mar, dinamiza a economía local e proxecta a imaxe da Guarda como destino gastronómico e turístico de referencia.
O encargado de pronunciar o pregón desta XXXIV edición foi Tonhito de Poi, músico, compositor e artista polifacético, que ofreceu unha intervención próxima, chea de humor, reflexións e referencias á cultura galega, animando veciños e visitantes a vivir intensamente unha festa que representa a esencia mariñeira da Guarda.
No acto tamén participou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, quen destacou o valor deste tipo de celebracións para impulsar o territorio e preservar a identidade mariñeira das vilas costeiras galegas.
Un dos momentos máis emotivos da inauguración chegou coa entrega da Lagosta de Honra ao Coro Cantábile da Guarda, coincidindo coa conmemoración do seu corenta aniversario. O concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, foi o encargado de lembrar a traxectoria da agrupación coral, destacando catro décadas de compromiso coa cultura, coa música e coa proxección do nome da Guarda dentro e fóra da localidade.
En representación da entidade galardoada interveu o presidente do Coro Cantábile, Jorge Fernández Baz que agradeceu o recoñecemento recibido con especial ilusión nun ano tan significativo para a formación, convertida nun referente da actividade cultural guardesa.
Co acto inaugural quedou oficialmente aberta unha fin de semana na que milleiros de persoas volverán pasar polo recinto do porto para degustar a apreciada lagosta e outras especialidades da cociña mariñeira, ao tempo que gozan dun amplo programa de actividades culturais, musicais e de lecer.
A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira reafirma así o seu papel como unha das celebracións gastronómicas máis emblemáticas de Galicia, combinando tradición, promoción do produto local, cultura e convivencia nun escenario privilexiado como é o porto guardés.




Ningún comentario:
Publicar un comentario